Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento expresa a súa queixa ante a censura da nova TVG ás realidades do país

Written By Virgulino on 3/6/09 | 11:03


O Movemento polos Dereitos Civís expresa a súa queixa logo do primeiro golpe de efecto dado pola nova dirección da Televisión de Galiza. A recentemente estreada directora do ente público, Rosa Vilas, decidiu aprazar a emisión dunha reportaxe sobre as vacas tolas que debía exhibirse onte á noite na canle pública galega. No canto, puido verse unha película de vaqueiros. Ademais, o MpDC tamén lamenta o cambio de rumbo do programa “Aberto por Reformas” e a marcha de Xurxo Souto da radio pública.

O programa “Caixa Negra”, da produtora de Antón Reixa e presentado por Gonzo levaba algunhas semanas repasando feitos que sobrecolleron o país, coma o naufraxio do Casón, entre outros. Para o colectivo a prol dereitos civís, non cabe outro cualificativo á dita acción máis que o de censura. Censura e veto á liberdade de expresión, a que a cidadanía estea informada de cantas cousas pasan e pasaron no seu país para tomar conciencia das mesmas e poder enfrontarse máis preparada á realidade.

Iso é o que non debe querer a nova xunta directiva da CRTVG, que mantivo a previsión da emisión do programa até a tardiña. Non han querer que Galiza sexa consciente das desfeitas acontecidas e xestionadas desde o goberno Fraga. Pois quéirano ou non, esa é a realidade e a sociedade galega ten dereito a ser informada.

O MpDC pregúntase cara a onde vai camiñar “A galega”. Tendo en conta a decisión adoptada onte polos responsábeis do ente, no canto da función de servizo público que lle corresponde igual as e os espectadores non tardamos moito en asistir a unha sorte de canle bucólica que “cante” os ríos e os prados.

Xurxo Souto e o “Aberto por Reformas”

Ademais das actuacións xa descritas na TVG, tamén a Radio Galega comezou a evidenciar a 'nova' etapa que se abre co regreso de Rosa Vilas a postos da máis alta responsabilidade na emisora pública. Cómpre lembrar que esta xornalista xa fora subdirectora cando a marea negra do Prestige, época na que moitos profesionais (segundo eles propios denunciaron) chegaron a ser silenciados ou apartados da locución das noticias, imprimindo na información un ton acrítico e condescente coas actuacións do Partido Popular.

Un dos primeiros cambios, esperábel e anunciado o día antes polo seu protagonista, foi o relevo de Xurxo Souto á fronte do programa musical "Aberto por Reformas", unha das fórmulas que mellores resultados deu á radio pública nos últimos anos e a través da cal numerosos grupos atoparon unha plataforma que lles permitise proxectarse á sociedade galega, unha fórmula de publicitación da que carecía o ente público galego desde a época máis gloriosa do Xabarín Club a mediados dos 90.

Porén, na primeira emisión sen Souto, a de onte, día 2 de xuño, o único programa musical dedicado á música galega moderna deixou paso a un "magazine de transición", en palabras do novo presetnador, Xusto López Carril. A primeira canción 'pinchada', de Bruce Springsteen, foi toda unha declaración de intencións sobre os 'novos' tempos que se viu corroborada no resto da emisión.

Cómpre lembrar tamén que Xurxo Souto, ademais de subdirector de programas da radio pública do país nos últimos tres anos e medio, foi tamén 'alma máter' do concurso "A polo Ghit" (apologhit.vieiros.com), que en colaboración co diario dixital Vieiros.com durante os últimos tres anos, coa escusa de atopar unha 'canción do verán' galega, serviu para promocionar numerosos grupos, complementando así o labor realizado desde “Aberto por Reformas".

4 comentarios:

Carmela dijo...

E estes son os que queren unha radio e televisión pública de calidade!! en fin, esto era o que cabía esperar

andresrguez dijo...

Volta o PP, volta a censura

Renato dijo...

Isto só é o inicio

Tondo Rotondo dijo...

Bon blog, una abraçada des de Tarragona , des dels Països Catalans i vinga, a treballar pels drets civils !Parabéns

Publicar un comentario