Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís lembra a ineficacia do Valedor cando a institución cumpre 25 anos

Written By Virgulino on 22/6/09 | 10:28


Hoxe e máis mañá celébranse en Compostela unas xornadas con motivo do 25 aniversario da Lei do Valedor á que asistirán os distintos defensores autonómicos estatais así coma o Defensor del Pueblo, Enrique Múgica. O que para a dita comunidade pode ser un motivo de celebración, para o Movemento polos Dereitos Civís é un acto de complacencia, de mantemento do status quo dun xeito de resolver conflitos administrativos coa balanza sempre inclinada cara a estas, non cara o pobo, como o seu propio nome indica.

Ollando para o web do Valedor do Pobo, podemos ler que este “é o alto Comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades comprendidos no Título I da Constitución e no estatuto de Autonomía de Galiza. Con este fin e en xeral co obxecto de coñecer o pleno respecto á lei e ao dereito, o Valedor do Pobo supervisará de oficio ou a instancia de parte (a través dunha queixa) a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como da Administración local naquelas materias que sexan competencia da nosa comunidade”.

Segundo se pode extraer tamén da súa páxina, o Valedor do Pobo é unha institución que non exerce funcións de tipo coercitivo, senón unicamente de persuasión, de tal forma que a través das súas diferentes actuacións pon en xogo a súa autoridade, para orientar e corrixir as actuacións ou abstencións da Administración que coñece a través dos procedementos correspondentes. Iso é a teoría.

O Movemento sabe ben que detrás desa fachada o único que hai é complacencia coas administracións, un alto emprego do laissez faire ás mesmas e unha nula ou escasa implicación co que debera ser o seu desvelo, o pobo. Se desde o colectivo se afirma tal cousa é debido á reiterada experiencia que ten no trato coa institución galega e á inoperancia e á torpeza das súas resolucións.

Algunhas “perlas” do Valedor

Logo de que despois de máis de dous anos e medio de desinterese institucional quedasen sen sancionar as violacións de dereitos fundamentais durante a aprobación do PXOM en Vigo polo desinterese amosado por esta institución, de que siga sen esclarecerse a legalidade das cámaras da ORA no mesmo concello, de que que tamén o Valedor denegase o lexítimo dereito desta asociación de acceso a un ficheiro, queixas pechadas en falso e tantas e tantas outras desfeitas contra a sociedade, o MpDC coida que queda demostrada ás claras a escasa utilidade dunha institución que se chame Valedor do Pobo. Neste caso parece máis axeitado nomeala Valedor institucional ao mirar o traballo desenvolvido por ela cando se cumpren 25 anos da súa existencia.

Ademais, o grande desleixo da institución no que respecta ao emprego da lingua nos seus escritos facendo unha traducción -pésima en moitos casos- do castelán e o desprezo á toponimia e ás construcións propias do galego, entre outros agravios ao idioma. Xunto con isto, o Movemento polos Dereitos Civís considera que o Valedor amosou unha nula sintonía cós problemas lingüísticos de Galiza. Para o MpDC resulta moi complicado ter confianza na imparcialidade de Benigno López así coma pensar que vai defender os dereitos lingüísticos do galego fronte os ataques que está a recibir o idioma por parte da Xunta e de certos grupos da sociedade.

0 comentarios:

Publicar un comentario