Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC celebra que Iniciativa Internacionalista poida, finalmente, concorrer ás europeas

Written By Virgulino on 22/5/09 | 15:56


O Movemento polos Dereitos Civís celebra que Iniciativa Internacionalista- SP poida concorrer finalmente ás próximas eleccións europeas do día 7 de xuño. O Tribunal Constitucional estimou o recurso de amparo presentado polo grupo político contra a anulación, por parte do Tribunal Supremo, da súa candidatura para as eleccións ao Parlamento Europeo.

A resolución, adoptada por unanimidade, sinala que o Tribunal Supremo baseou a anulación da candidatura en "indicios dos que só pode desprenderse a asunción dunha ideoloxía política, pero en ningún caso a realidade dunha trama defraudatoria ao servizo dunha organización terrorista ou de formacións políticas vinculadas ao terror". A decisión supón un duro golpe ás teses defendidas tanto pola Fiscalía como polo Goberno, a través da Avogacía do Estado, que defenderon que a lista de II-SP, era unha mera sucesión da ilegal Batasuna. Unha segunda lectura tamén se pode facer ao respecto do tira-poxa que manteñen desde fai tempo o Tribunal Supremo e o Constitucional, desdecindo un as resolucións do outro e viceversa.

Cando fai unha semana tivemos coñecemento da resolución do Supremo e da non posibilidade de II concorrer ás eleccións, o voceiro do colectivo, Renato Núñez “novamente se persiga a persoas que teñen o dereito de participar nos asuntos públicos”. Ademais, o responsábel do colectivo dixo tamén que é indignante que “por meras e simples sospeitas carentes de fundamento” cidadáns e cidadás vexan coutados os seus dereitos a poder concorreren en igualdade de condicións nos próximos comicios europeos, como é o caso de Iniciativa Internacionalista - A Solidariedade entre os Pobos (II-SP).

O avogado xeral do Estado, Joaquín de Fontes Bardají, impugnou no seu momento ante o Tribunal Supremo a listaxe presentada para os comicios europeos por Iniciativa Internacionalista - A Solidariedade entre os Pobos (II-SP), encabezada polo dramaturgo Alfonso Sastre, e na que se presentaba Xosé Luis Méndez Ferrín como número 6, ao considerar que se trata dunha "sucesora fraudulenta" da ilegalizada Batasuna. Ao respecto é que se pronuncia o MpDC considerando que se están a vetar os dereitos das persoas ao privalas de poder participar nunhas eleccións cando non existen probas e só meros indicios que as relacionaren co entorno de Batasuna.

Malia a celebrar a última resolución que permite ao bloco político no que tamén figura como candidato Xosé Luís Méndez Ferrín, o colectivo non pode senón laiarse de novo de que a participación da cidadanía en asuntos públicos se vexa coutada deste xeito polo simple e mero feito de existiren sospeitas. Polo que ao MpDC respecta, a condena a este tipo de actuacións “en previsión”, como a última perpetrada polos corpos e forzas de seguridade do Estado en Compostela na Maricrista '09 (e tantas outras) na que por ese mesmo motivo se identificou a varias participantes é motivo do máis alto rexeitamento polo conxunto da sociedade.

0 comentarios:

Publicar un comentario