Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Santiago ten 10 días para retirar as cámaras ilegais da zona vella

Written By Virgulino on 21/5/09 | 11:52


O Movemento vén de coñecer a última resolución do xulgado contencioso administrativo n.º1 de Compostela ao respecto das cámaras de vídeo vixilancia ilegais que o Concello de Santiago ten instaladas na zona histórica da cidade. Na dita comunicación exponse que o Concello deberá retirar as cámaras nun prazo de 10 días.

Ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) estimáronselle en setembro pasado as súas pretensións contra o Concello de Santiago logo de comprobar o Xulgado, por medio de probas presentadas no dito emprazamento, a veracidade e validez dos argumentos defendidos polo colectivo.

O Xulgado Contencioso Administrativo n. 1 de Santiago aceptou en xaneiro deste ano a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís e ordenou a execución provisional da sentenza que obriga á retirada das cámaras de vídeo vixilancia ilegais do casco vello de Compostela. Nesta sentenza histórica, o xulgado censuraba con dureza “a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”.

Cómpre recordar que as cámaras non contaban cos correspondentes permisos de renovación, carecían de libro de rexistro das imaxes e mesmo funcionaran durante un tempo sen que se tivese solicitado a autorización necesaria. Vulneraban, xa que logo, todas as garantías recollidas na Lei de Protección de Datos para tutelar os dereitos dos cidadáns.

O colectivo cívico efectuou recentemente o pagamento da fianza fixada na dita sentenza “porque estamos convencidos de que o TSX de Galiza nos dará a razón”, afirmou de novo o seu voceiro, pois o Concello “non se basea na idoneidade das cámaras nin tampouco na corrección no seu proceso de instalación”, explicou. A administración lolcal, “simplemente busca que se anule a sentencia” en base a que considera que nos non poderíamos telos denunciado achacando falta de lexitimidade do MpDC para presentar a denuncia, non sobre a idoneidade das mesmas.

Son seis cámaras as que a sentenza ordena retirar pero ilegais hai moitas mais e se, cando o xulgado emita o veredicto a razón a ten o concello e se volveran instalar as cámaras “temos mais denuncias presentadas contra elas”, por exemplo contra a última autorización dada pola Delegación do Goberno, explicou o responsábel do colectivo. Tamén se podería recorrer ao Tribunal Supremo, ou sexa, que pediríamos que se seguise mantendo a execución da sentenza.

O único motivo polo que as ditas cámaras seguen a funcionar “é pola desidia da Delegación de Goberno en Galiza” que non cumpre co seu labor, afirmou Núñez, senón que outorga autorizacións para a instalación de cámaras de forma “absolutamente alegre”. Tanto é así, incidiu, que o Movemento tivo que volver denunciar a autorización das cámaras por mor de que “despois de gañar a sentenza a Delegación volveu conceder unha autorización”, aclarou o voceiro do MpDC.

Núñez quixo deixar claro que se o concello non retira as cámaras “incorrería en desobediencia e podería ser sancinado polo Xulgado, así como denunciado”. Ademais, a retirada dos dispositivos debe facerse de xeito inmediato, tal e como vén solicitando o Movemento desde o inicio do procedemento e parece “indignante”, aos ollos do voceiro do colectivo, que unha asociación sen ánimo de lucro teña que abonar unha fianza de 3000 euros para que unha institiución cumpra a legalidade cando debera retirar as cámaras coa primeira denuncia e pedindo desculpas á cidadanía. Ao respecto da recadación da fianza, o responsábel do Movemento agradeceu a solidariedade cidadá que achegou cartos a tal finalidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario