Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento condena firmemente o novo recorte de liberdades posto en marcha polo Tribunal Supremo

Written By Virgulino on 15/5/09 | 14:25


O Movemento polos Dereitos Civís denuncia que “novamente se persiga a persoas que teñen o dereito de participar nos asuntos públicos”. O voceiro do colectivo, Renato Núñez, critica, ademais, que “por meras e simples sospeitas carentes de fundamento” cidadáns e cidadás vexan coutados os seus dereitos a poder concorreren en igualdade de condicións nos próximos comicios europeos, como é o caso de Iniciativa Internacionalista - A Solidariedade entre os Pobos (II-SP).

O avogado xeral do Estado, Joaquín de Fontes Bardají, impugnou este xoves ante o Tribunal Supremo a listaxe presentada para os comicios europeos por Iniciativa Internacionalista - A Solidariedade entre os Pobos (II-SP), encabezada polo dramaturgo Alfonso Sastre, e na que se presentaba Xosé Luis Méndez Ferrín como número 6, ao considerar que se trata dunha "sucesora fraudulenta" da ilegalizada Batasuna. Ao respecto é que se pronuncia o MpDC considerando que se están a vetar os dereitos das persoas ao privalas de poder participar nunhas eleccións cando non existen probas e só meros indicios que as relacionaren co entorno de Batasuna.

A Fiscalía uniuse a esta iniciativa para evitar que esta candidatura concorra aos comicios europeos do vindeiro 7 de xuño. A decisión de impugnar esta lista baséase en diferentes informes da Garda Civil e da Policía que foron postos a disposición do Ministerio Público durante os últimos días, e que reflectirían unha infiltración por Batasuna da lista de II-SP. O avogado xeral do Estado indicou que as probas principais contra II-SP se basean en "conexións persoais, sobre todo do número 1", Alfonso Sastre.

A investigación, tal e como detallou o avogado do Estado, baseouse tanto nos avalistas da candidatura como nas relacións dos tres primeiros integrantes da candidatura (Sastre, Doris Benegas e Ángeles Maestro). "Unha lista como esta aspira como moito a sacar un escano, o resto é de recheo", afirmou, para xustificar a importancia das relacións entre Sastre e a contorna de ETA. Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís expresa o seu total rexeitamento a unha administración pública que, novamente, “xulga antes de tempo e o fai sempre inclinando a balanza do mesmo lado”, o do poder establecido, o do impedimento da cidadanía a se expresar libremente e en igualdade de condicións, o do berro silencioso para que a sociedade se repregue e cale, non proteste nin pense.

O colectivo polos dereitos civís pregúntase como unha institución que se di ao servizo da cidadanía “vaticina de xeito pexorativo o resultado duns comicios electorais” e como tal feito non levanta a polvareda social que merece a dita afrenta. Polo que ao MpDC respecta, a condena a este tipo de actuacións “en previsión”, como a última perpetrada polos corpos e forzas de seguridade do Estado en Compostela na Maricrista '09 (e tantas outras) na que por ese mesmo motivo se identificou a varias participantes é motivo do máis alto rexeitamento polo conxunto da sociedade.

0 comentarios:

Publicar un comentario