Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís celebra a absolución de Dionísio Pereira

Written By Virgulino on 2/4/09 | 10:45


O historiador coruñés Dionísio Pereira vén de coñecer, despois de un ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do estudoso na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado da Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.

Ademais, o tamén mestre de ensino medio recibiu outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia da Estrada de non procesar pola vía penal ao tamén escritor e mestre Alfredo González Ruibal, foi asimesmo rexeitado, concluindo así que González Ruibal non será procesado.

Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís parabenízase de que a xustiza actuase atendendo ás dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas, como son a Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra. Por outra banda, os tribunais tamén considerararon que o escrito denunciado forma parte de unha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante. Segundo a avogada do historiador, non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, sí hai a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional, algo que o investigador descoñece a día de hoxe.

Acerca dos feitos, Dionísio Pereira estima facer unha consideración alegando que “acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores”, unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido, afirma o historiador. Para Pereira, “é o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia” no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto, conclúe.

Os antecedentes

Cabe lembrar que no ano 2007 o investigador coruñés se viu envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a Guerra Civil. Esixíaselle a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006):

"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)..."

Malia a que utilizou a palabra "presunto" e que tiña diversas fontes que corroboraban o dito e, malia a que recibiu múltiples manifestacións de apoio, a familia do falanxista decidiu seguir adiante coa denuncia, que finalmente se viu desestimada polo Tribunal.

0 comentarios:

Publicar un comentario