Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento critica a interpretación que da lei fai o Defensor del Pueblo

Written By Virgulino on 1/4/09 | 11:49


O Defensor del Pueblo resolve a favor dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e desatende os dereitos das persoas. Nun escrito remitido ao MpDC, a institución estatal indica que non ve indicios de que se cometese delicto ningún por parte dos corpos policiais cando estes gravaron imaxes de detencións por se, posteriormente, se vían envoltos en procesos por malos tratos.

Se algunha das institucións ás que o Movemento presentou queixa por tales feitos, como foron a Delegación do Goberno en Galiza, o Valedor do Pobo ou as anteriomente citadas actuase conforme a lei, confirmaríase que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado non só vulnerarían a normativa en materia de vídeovixilancia e a Lei de Proteción de Datos de Carácter Persoal, senón que tamén a Constitución, a Lei de Enxuizamento Criminal e o Código Penal, entre outras.

As orixes deste asunto remóntanse a que o Movemento polos Dereitos Civís enviou en 2007 un escrito á Axencia Española de Protección de Datos denunciando os feitos en relación coa información publicada pola canle de televisión Telecinco sobre a habitualidade coa que os Corpos e Forzas de Seguridade gravan os detidos con medios propios para defenderse en caso de denuncias por malos tratos.

As tarefas e as decisións do Defensor

Ao respecto, o Defensor del Pueblo responde que, ao seu entender, non se aprecia que teña existido ningunha actuación administrativa non conforme cos principios consitucionais ou co resto do ordenamento xurídico vixente.

Aínda que é encomenda do Defensor a supervisión das administracións públicas e o esclarecemento dos seus actos e resolucións, así coma dos seus axentes en relación cos cidadáns, dá a entender que cando os Corpos e Forzas de Seguridade gravan os detidos cos seus propios medios estes últimos non son cidadáns, dado que se os considerase resolvería doutro xeito a queixa presentada polo Movemento.

Así as cousas, o colectivo polos dereitos civís non entende como a institución encargada de velar polos dereitos dos cidadáns prima os intereses dun organismo, como son os corpos policiais, que contan con total impunidade para actuar infrinxindo, en numerosas ocasións, os dereitos das persoas, como son os diversos corpos de seguridade estatais e locais.

0 comentarios:

Publicar un comentario