Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno pretende que se desestime unha demanda interposta polo MpDC que vela polos intereses da sociedade

Written By Virgulino on 23/4/09 | 11:15


O Movemento polos Dereitos Civís presentou no seu momento unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación do Goberno en Galiza no caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas de xeito ilegal na estación de autobuses da Coruña. Ante tal demanda, o avogado do Estado na cidade vén de responder baseándose en fundamentos baleiros e desprezativos de cara o MpDC e amosando ás claras o pouco respecto que que lle ten á sociedade.

Desde o descrédito á intencionalidade do Movemento pondo en dúbida o seu interese na retirada das cámaras até achacarlle ao colectivo falta de lexitimación e descoñecemento das funcións da Delegación do Goberno son algunhas das alegacións feitas polo defensor da institución coa finalidade última de que se desestime a demanda interposta polo colectivo en defensa dos dereitos civís.

O Movemento non pode senón lembrar que a Delegación ignorou repetidamente as peticións de información da asociación sobre a concesión e renovación do permiso para instalar os dispositivos. Perante este silencio administrativo o MpDC viuse na obriga de recorrer á Xustiza. Semella evidente que tanto o Concello da Coruña como a Delegación incumpriron de forma voluntaria e reiterada a normativa que regula a instalación de vídeo-vixilancia en espazos públicos; por iso, o Movemento solicitou ó Xulgado a retirada inmediata das cámaras da estación de autobuses e dirixiu escritos ás institucións interesadas informándose sobre o cumprimentos dos trámites e garantías previstos pola Lei Orgánica 4/1997.

O resultado destas investigacións foi a constatación de que o Concello solicitara a autorización para as cámaras a posteriori da súa instalación. Non por habitual resulta menos grave o feito de que a Delegación do Goberno concedese de feito o permiso, coñecendo as circunstancias, a irregularidade que supuñan e a conseguinte vulneración dos dereitos dos cidadáns. Esta autorización, irregular por si mesma, permitía ao Concello o emprego das cámaras durante o ano, ao cabo do cal debía solicitar a renovación da devandita autorización.

Renovación da autorización

A comezos do ano 2008 o Movemento polos Dereitos Civís dirixiu un escrito á Delegación do Goberno, preguntando se o Concello presentara a documentación necesaria para solicitar a renovación do permiso. O Concello tiña que xustificar con informes policiais e a aprobación da Comisión de Garantías de Videovixiancia de Galicia a idoneidade e necesidade do uso das cámaras. A Delegación limitouse a contestar ó MpDC que as cámaras “tiñan a autorización en regra”, sen facilitar ningún dos documentos solicitados.

Ante a pasividade coa que acolleu a administración as sucesivas peticións e escritos do Movemento sobre o caso, a asociación viuse na obriga de presentar unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación, documento que vén de ser respondido con toda clase de descalificativos ao redor do traballo do Movemento en prol dos dereitos civís.

Así as cousas, o Movemento solicita de novo ao xulgado que se proceda coa retirada inmediata das cámaras, perante as evidentes irregularidades cometidas polo Concello e pola Delegación. A asociación manifesta ademais a súa preocupación polo enésimo caso de comportamento irregular e falta de transparencia das administracións públicas, que deberan ser as primeiras en evitar a lesión dos dereitos fundamentais dos cidadáns.

1 comentarios:

nemigo dijo...

a administración non recoñece como representante cidadán a outras organizacións que non sexan os partidos políticos. Non entenden nin asumen que os cidadáns defendamos os nosos dereitos doutro xeito. A acción individual do cidadán é pouco menos que quixotesca e eles sábeno. Están ben ás claras os intentos por evitar calquera intromisión nas súas funcións e que sexan cuestionadas ou controladas

Publicar un comentario