Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento apoia a última campaña de normalización posta en marcha pola Ciberirmandade da Fala

Written By Virgulino on 22/4/09 | 14:22


O Movemento polos Dereitos Civís apoia a última iniciativa lanzada pola Ciberirmandade da Fala. O colectivo saúda esta nova campaña de normalización que ten por obxectivo chegar á multinacional Decatlhon lanzada despois de visitar o seu sitio web e comprobar a ausencia da lingua propia de Galiza de tal páxina cando si utilizan, con toda normalidade comercial, outras linguas do estado.

Ademais, desde o MpDC valórase moi positivamente o feito de que a cidadanía poida expresar a tal empresa o seu parecer sobre a ausencia do galego das tendas e do web de Decathlon a través do envío dun correo eletrónico xa elaborado e que só hai que facer chegar ao seu destinatario. No texto fálase do respecto pola lingua propia de Galiza e tamén da necesidade de empregala como idioma de comunicación cos seus clientes no país.

Tanto a Ciberirmandade coma o Movemento consideran a non presenza do galego coma un erro impropio dun tempo onde o plurilingüismo é un valor engadido a calquera produto comercial. Pola súa banda, os impulsores da iniciativa queren lembrar á multinaciona que a Confederación de Empresarios de Galicia, CEG, oferta de balde un servizo de tradución de páxinas web para todas as empresas que así llo soliciten.

Decathlon é unha multinacional especializada na creación e distribución de artigos deportivos creada no 1976 na Francia. A filosofía da empresa exponse do seguinte xeito: "Dar gañas e facer accesíbel ao maior número de persoas o pracer do deporte". Desde o colectivo galego en rede cren que para ser coherentes con esta filosofía nada mellor que levala a cabo comezando por incluír o noso idioma na súa paxina web, xa que a firma dispón de dúas tendas no noso país, e por moi estraño que pareza non é posíbel acceder á información que ofrecen na rede no noso idioma.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís saúdase e valórase que máis colectivos do país traballen pola defensa dos dereitos das persoas a se expresaren e a viviren en liberdade e non a estaren condicionadas por imperativos intransixentes que a coharten.

3 comentarios:

Publicar un comentario