Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento presenta outras dúas demandas contra cámaras colocadas nas rúas de Compostela por organismos privados

Written By Virgulino on 20/2/09 | 13:49

Movemento polos Dereitos Civís segue batallando pola erradicación das rúas de Compostela de toda vídeo-vixilancia que vulnere os dereitos dos veciños e veciñas. Con esta intención, a asociación ven de presentar dous recursos contencioso-administrativos contra a Delegación do Goberno polas cámaras instaladas respectivamente na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Centro Galego de Novas Tecnoloxías (CGNT). O Movemento considera que en ámbolos dous casos a administración eludiu as súas responsabilidades perante a instalación de dispositivos que, a pesar de ter sido colocados por empresas privadas, están a gravar a vía pública.

Coma ven sucedendo habitualmente, a Delegación argumenta que ó tratarse de vídeo-vixilancia instalada por particulares para a protección dun inmoble, as cámaras non precisan cumprir con todas as garantías previstas pola Lei 4/1997. A Axencia Española de Protección de Datos manifestou sen embargo en máis dunha ocasión que no momento en que ditas cámaras están a gravar cun ángulo e alcance considerable a vía pública, é necesario activar todos os procedementos que serven para garantir os dereitos fundamentais dos cidadáns que por alí transitan.

De feito, a mencionada Lei reserva o emprego de vídeo-vixilancia no espazo público ás Forzas e Corpos de Seguridade, na tutela da seguridade pública e no respecto de certos trámites e garantías. Así, as cámaras deben cumprir uns requisitos de proporcionalidade e idoneidade, contar coa autorización da Delegación do Goberno, co informe favorable da Comisión de Garantías, e os seus responsables deben inscribir os ficheiros coas imaxes no Rexistro Xeral de Protección de Datos. Trátase de procedementos totalmente ignorados á hora de colocar as cámaras pola EGAP e o CGNT, que sosteñen erroneamente que no seu caso non é aplicable a Lei 4/1997.

Un argumento falaz

Significativa é neste sentido a argumentación da EGAP, á que cómpre recoñecer a cortesía de responder ó escrito que no seu momento lle enviara o Movemento. Afirma a EGAP que non é “unha Forza e/ou Corpo de Seguridade do Estado”, feito polo demais bastante obvio. Continúa o escrito sinalando que “a finalidade do tratamento destas imaxes non obedece a motivos de seguridade pública”, e conclúe que carece polo tanto de fundamento xurídico a aplicación da Lei Orgánica 4/1997.

Naturalmente, o razoamento é totalmente equivocado. Que a EGAP non sexa parte das Forzas de Seguridade e que as cámaras non salvagarden a seguridade pública non implica que non sexa aplicable a Lei. Ó contrario, xa que a EGAP non é parte das Forzas de Seguridade e xa que as cámaras non salvagarden a seguridade pública, é ilegal que ditas cámaras graven a vía pública, vulnerando os dereitos de todo cidadán que sexa gravado polas mesmas.

Dado que se trata dun caso xuridicamente claro, o Movemento agarda que o Xulgado determine a irregularidade destes dispositivos de vixilancia e obrigue a retiralos ou a modificar a súa disposición, de xeito que non afecte á intimidade das persoas. O Movemento seguirá denunciando a todos aqueles organismos públicos e privados que recorran irresponsablemente á vídeo-vixilancia, danando e vulnerando os dereitos fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario