Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Comisión Disciplinaria do CXPX estuda xa a sanción solicitada polo Movemento para o secretario que perdeu un expediente xudicial

Written By Virgulino on 19/2/09 | 10:57

O Consello Xeral do Poder Xudicial levará á súa Comisión Disciplinaria o caso do secretario que extraviou un expediente nun xulgado de A Coruña. A Comisión estudará o escrito presentado polo Movemento polos Dereitos Civís, no que se solicita unha sanción de seis anos de inhabilitación para o funcionario encargado de custodiar os documentos. O Consello Xudicial fixo saber ó MpDC a través dun escrito que se informará puntualmente das medidas que a Comisión decida adoptar no caso.

O expediente extraviado contiña a denuncia interposta no seu momento pola asociación contra Paco Vázquez a raíz do cambio do topónimo oficial do municipio. O Movemento polos Dereitos Civís presentara esta denuncia no ano 2005, e un recurso contra o sobresemento da mesma en xaneiro de 2006. En novembro dese mesmo ano, o Movemento volveuse dirixir ao xulgado coruñés para interesarse pola resolución do recurso, mais xa non recibiu máis informacións sobre o estado do expediente.

O xulgado, de feito, deixou pasar dous anos sen informar ó Movemento da perda do expediente, que tivo coñecemento deste extravío unicamente a raíz dunha queixa presentada perante o Valedor. Dada a gravidade dos feitos, o Movemento presentara nas últimas semanas unha queixa formal perante o Consello do Poder Xudicial, órgano que exerce a inspección de xulgados e tribunais.

Segundo o Regulamento dos Secretarios Xudiciais, a neglixencia na custodia dos documentos dos que son responsables é considerada coma unha falta moi grave. Deste xeito, e de acordo co estipulado no Regulamento, o MpDC solicitou unha sanción de seis anos de suspensión de emprego e soldo para o secretario do Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña. A asociación celebra que o CXPX remitise o caso á Comisión Disciplinaria, e espera que a decisión deste órgano serva para esclarecer definitivamente os feitos e para depurar responsabilidades.

0 comentarios:

Publicar un comentario