Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento está desexando que o Concello de Santiago solicite a instalación de novas cámaras para afrontar a cuestión da idoneidade das mesmas

Written By Virgulino on 12/1/09 | 12:35

O Movemento polos Dereitos Civís continúa coa súa campaña de solidariedade cidadá para recadar os 3,000 euros necesarios para a retirada das cámaras de vixilancia da zona vella de Compostela. A recente decisión xudicial permitirá a desinstalación inmediata dos dispositivos apenas o MpDC deposite esta caución. Mentres, a asociación acolle con satisfacción o anuncio da responsable de seguridade cidadá e do propio alcalde de que solicitarán o permiso para a instalación de novas cámaras, en canto as actuais sexan retiradas. O Movemento considera que o feito de que o concello inicie, esta vez si, os trámites legais necesarios para a instalación das cámaras permitirá afrontar un debate sobre as cuestións de fondo relacionadas coas mesmas, en particular sobre a proporcionalidade e idoneidade do seu emprego.

Por suposto as declaración da concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, denotan enormes doses de arrogancia e de desprezo cara as sentenzas xudiciais que consideraron ilegais as cámaras e irregular o proceso de instalación as mesmas. Non obstante, o anuncio dunha nova petición de instalación de vídeo-vixilancia na zona vella permitirá polo menos comprobar se esta vez o concello decide cumprir cos trámites e requisitos legais necesarios, e se o fai nos prazos oportunos.

Non son moi esperanzadoras neste sentido as declaracións da concelleira, que ademais de negar outras evidentes irregularidades en todo o proceso, suficientemente probadas xa en sede xudicial, chega a afirmar que o fin e o cabo só se retrasaron “un par de meses” na solicitude de renovación da autorización. Ignora ou quere ignorar Álvarez-Santullano que os trámites e prazos fixados pola Lei non son meros formalismos, senón que funcionan como garantía dos dereitos dos cidadáns.


Cuestións de fondo na instalación das cámaras

En calquera caso, o Movemento invita ó Concello de Santiago a solicitar a instalación de novas cámaras no casco vello. Para iso será necesario que, ademais de respectar os requisitos formais e de procedemento, os responsables de seguridade cidadá afronten as cuestións de fondo relacionadas co emprego de vídeo-vixilancia no casco vello. A Lei Orgánica de Protección de Datos esixe que se produzan unha serie de circunstancias para a instalación de cámaras en espazos públicos. En concreto, é necesario que estas respondan a criterios de idoneidade e proporcionalidade, criterios que dificilmente son aplicables no caso da zona vella de Compostela.

De feito, e aínda que a sentenza que esixía a retirada das cámaras se centraba en cuestións de procedemento, o xuíz sinalaba que en ningún momento o Concello argumentou ou xustificou a proporcionalidade do emprego da vídeo-vixilancia. Sería difícil explicar que non existen medios menos invasivos, menos lesivos do dereito á intimidade das persoas, que poidan garantir de maneira eficaz a seguridade no casco histórico. Ademais, e polo que respecta ó criterio de idoneidade, demostrouse en sucesivas ocasións como a vídeo-vixilancia non repercute en realidade nunha maior seguridade cidadá. Como afirmaba recentemente o voceiro do Movemento polos Dereitos Civís, Renato Nuñez, “non se deu nin unha vez en que as cámaras servisen para deter a un delincuente”. Os dispositivos amosaron a súa inutilidade, por exemplo, no caso de actos vandálicos ou roubos producidos no entorno da Praza do Toural.

O Movemento polos Dereitos Civís está desexando, xa que logo, ver como xustifica o Concello de Santiago a instalación de novas cámaras. Polo momento a asociación segue recadando os fondos necesarios para a retirada das actuais. É posible facer donativos na web movemento.org ou no número de conta 2080/0540/44/0040000724.

0 comentarios:

Publicar un comentario