Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de O Grove segue sen presentar a documentación que xustifique o seu emprego abusivo das cámaras de vixilancia

Written By Virgulino on 29/1/09 | 12:42

O Movemento polos Dereitos Civís segue intentando que o Concello de O Grove presente a documentación que supostamente xustifica a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na Casa de Cultura da vila. Polo momento, o único que fan os documentos aportados polo Concello é confirmar que a corporación solicitou o rexistro dos dispositivos á Axencia Española de Protección de Datos meses despois da súa instalación, e só cando o Movemento denunciou o caso. Neste sentido, a asociación ven de solicitar á AEPD que sancione ó Concello por recorrer a esta práctica tan habitual como irregular: colocar as cámaras e iniciar a posteriori os trámites estipulados pola lei para o seu emprego.


Ademais, o Movemento polos Dereitos Civís dirixiu nestes días un novo escrito ó Concello de O Grove, solicitando os documentos que demostren que as cámaras cumpren cos requisitos establecidos pola Lei Orgánica de Protección de Datos. Polo de agora, o Concello non facilitou a autorización da Delegación do Goberno, nin o informe favorable da Comisión de Garantías, nin moito menos proba algunha que xustifique que o emprego das cámaras se axusta ó principio de proporcionalidade.

A asociación solicita así mesmo información sobre os responsables da custodia das imaxes, e sobre os mecanismos de acceso e rectificación dos arquivos. O Concello terá que facilitar todos estes documentos, sempre que existan realmente, pois foron solicitados tamén como proba no procedemento administrativo aberto nun Xulgado do Contencioso Administrativo de A Coruña, a raíz da denuncia do MpDC.


O Concello ignora as solicitudes do Valedor

O mesmo Concello de O Grove, por outra banda, debería de estar a piques de ser declarado entidade hostil polo Valedor do Pobo. Esta institución agarda dende hai oito meses un escrito do Concello que xa solicitou polo menos en catro ocasións. Trátase dun informe con datos complementarios sobre a vídeo-vixilancia instalada nas carpas da Festa do Marisco, que debería aclarar as contraditorias declaracións de responsables municipais sobre o emprego da mesma. O responsable de Seguridade Cidadá de O Grove explicou á AEPD que os dispositivos tan só tomaban imaxes do interior dos almacéns da carpa; sen embargo, celebrou en declaracións públicas que as cámaras evitaran o carteirismo durante a festa.

Queda claro nestes dous casos que o Concello de O Grove semella decidido a continuar empregando a vídeo-vixilancia de maneira irregular, no total desprezo dos dereitos e liberdades dos seus veciños. A corporación municipal amosa ademais escaso respecto por todas aquelas institucións e axentes sociais que tratan de fiscalizar este uso abusivo e indiscriminado das cámaras de seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario