Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento aproveita o Día Europeo de Protección de Datos para reivindicar a importancia da implicación da cidadanía na defensa dos seus dereitos

Written By Virgulino on 28/1/09 | 12:20

O Movemento polos Dereitos Civís únese hoxe ás celebracións e reivindicacións do terceiro Día Europeo de Protección de Datos. Trátase dunha data importante, que debe servir para que a cidadanía sexa un pouco máis consciente dos seus dereitos neste ámbito, e de como certas actuacións os están a lesionar. O Movemento ven facendo da defensa do dereito á intimidade un dos eixos do seu traballo dende fai tempo. A asociación celebra que a Axencia de Protección de Datos decidise converter a vídeo-vixilancia no tema central dos actos que ten preparados para o día de hoxe.

A AEPD decidiu aproveitar esta data para a celebración dunha xornada pública e para a presentación dun texto informativo, centrados entrambos no tema da proliferación da vídeo-vixilancia. Trátase dunha problemática contra a que loita dende fai anos o Movemento polos Dereitos, moitas veces sen a colaboración que sería desexable por parte da propia AEPD.

A asociación obtivo neste eido avances históricos, coma a decisión xudicial de retirar as cámaras da zona vella de Compostela instaladas irregularmente polo Concello coa conivencia da Delegación. De feito, sorprende a presenza do Ministro de Xustiza na apertura da citada xornada pública, cando a administración é a principal responsable da instalación de dispositivos que non respectan as garantías legais e vulneran os dereitos fundamentais.

Neste sentido, o Movemento considera clave a importancia de difundir entre a cidadanía unha maior consciencia da gravidade daquelas actuacións ilegais que poidan afectar ós seus dereitos. Resultan esperanzadores datos recentes, que sinalaban que un setenta por cento dos cidadáns do Estado se preocupan pola protección de datos e o uso de información persoal, ou aqueles difundidos coa última enquisa do MpDC segundo os cales case nove de cada dez galegos crían que os concellos debían ser sancionados pola instalación ilegal de cámaras. Por desgraza, os datos difundidos pola Comisión Europea falan dun escaso coñecemento de dereitos e institucións, especialmente por parte da mocidade.

O Movemento espera que a publicación por parte da AEPD dunha Guía de Vídeo-vixilancia, con recomendacións e análise de casos concretos, poida contribuír a concienciar á sociedade dos seus dereitos neste campo. O Movemento polos Dereitos Civís, pola súa banda, comprométese a seguir denunciando as invasións do dereito á intimidade que seguen a cometer administracións e particulares.

0 comentarios:

Publicar un comentario