Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

El Correo Gallego decide ignorar o dereito á intimidade e publicar imaxes das súas cámaras de vixilancia privadas

Written By Virgulino on 16/1/09 | 15:21

O Movemento polos Dereitos Civís non deixa de sorprenderse pola frivolidade coa que se afronta un asunto controvertido e delicado coma a vídeo-vixilancia, cuxo emprego afecta a dereitos fundamentais das persoas recollidos na Constitución. El Correo Gallego publicaba onte na súa edición impresa e dixital, con total despreocupación e mesmo con certo orgullo, as imaxes captadas por cámaras de seguridade instaladas na sede do xornal, nas que se ve a unha muller perfectamente identificable mentres, supostamente, produce danos en vehículos aparcado na rúa. O Correo anuncia que porá as imaxes a disposición da policía para que identifique e deteña á muller.

Agora ben, o xornal semella ignorar por completo as responsabilidades que se derivan do emprego da vídeo-vixilancia por parte de empresas privadas e, sobre todo, parece ignorar as responsabilidades e limitacións que teñen que ver co uso das imaxes obtidas a través desta vídeo vixilancia e coa súa publicación nun medio de comunicación. Non existindo unha lei específica que regule polo momento a instalación de cámaras de seguridade privadas, cómpre ter en conta a Lei de Seguridade Privada, que indica que poderanse empregar estes dispositivos electrónicos, convenientemente instalados por unha empresa autorizada, “contra roubo e intrusión”. Non prevé dita Lei o uso das cámaras de seguridade privadas coma espontáneo e non regulado sistema de seguridade cidadá, e dende logo non autoriza o seu emprego para vixiar os actos dos cidadáns nas rúas adxacentes, independentemente de que estes actos poidan resultar ou non constitutivos de delitos.

Aínda que Lei Orgánica 4/1997 que regula o uso da vídeo vixilancia polas Forzas e Corpos de Seguridade non atinxe ó ámbito da seguridade privada, en ningún caso o emprego de vídeo vixilancia privada pode supoñer unha intromisión ilexítima no dereito á intimidade, á propia imaxe e en xeral no ámbito de protección da Lei Orgánica 1/1982. Ademais, no caso de que as imaxes gravadas polas cámaras teñan consideración de dato persoal quedarán baixo o amparo da Lei Orgánica de Protección de Datos. É sen dúbida o caso das imaxes que nos ocupan, nas que a muller é perfectamente identificable, e por tanto o tratamento de ditas imaxes – o que inclúe naturalmente a súa difusión nun medio de comunicación – requiriría o consentimento do afectado.

Resulta embarazosa e indignante a falta de ética profesional amosada polos responsables de El Correo Gallego coa súa decisión de publicar as imaxes. O Movemento polos Dereitos Civís tratará de establecer nos próximos días se, ademais, é susceptible de sanción pola intromisión que supón nos dereitos fundamentais das persoas. Con esta intención, dirixirá escritos á Delegación do Goberno, á Axencia Española de Protección de Datos e ós propios responsables do xornal, a fin de de comprobar por unha banda se as cámaras cumpren coa normativa vixente e por outra as posibles sancións que se deriven do tratamento irregular das imaxes obtidas.

0 comentarios:

Publicar un comentario