Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís denuncia a presenza de cámaras de vídeo-vixilancia nos buses urbanos de Compostela

Written By Virgulino on 15/1/09 | 10:43


En medio dun intenso debate social sobre o emprego da vídeo-vixilancia, reavivado pola decisión xudicial que esixe a retirada das cámaras do casco vello de Compostela, o Movemento polos Dereitos Civís recibiu varias denuncias que sinalaban a presencia de cámaras de seguridade nos autobuses públicos de Santiago. Estas cámaras supoñen un ulterior avance na invasión do dereito á intimidade dos veciños de Compostela. O Movemento presentará escritos perante o Concello, a Axencia Española de Protección de Datos e a Delegación do Goberno para asegurarse de que se cumpriron todos os trámites previstos pola Lei e, en caso contrario, esixirá a retirada inmediata dos aparellos.


O Movemento polos Dereitos Civís constatou polo momento a presenza de cámaras na liña que une o centro da cidade con Milladoiro, mais non descarta que se atopen tamén en autobuses que realizan outros traxectos. Os dispositivos gravan ás persoas que se atopan no interior do vehículo, pero poderían tamén estar rexistrando imaxes da vía pública a través das ventás do mesmo. En calquera caso, están en xogo os dereitos fundamentais á intimidade e á propia imaxe recollidos pola Constitución.

Así, o Movemento decidiu presentar unha serie de escritos perante as administracións e organismos competentes ou responsables da instalación das cámaras: a Axencia Española de Protección de Datos, o Concello de Santiago, a empresa municipal de transportes Tussa e a Delegación do Goberno. A intención da asociación é comprobar se se solicitou o preceptivo informe favorable da Comisión de Vídeo-vixilancia, se a Delegación concedeu a autorización para a instalación dos dispositivos e se o ficheiro coas imaxes foi correctamente inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos.

Esta comprobación resulta imprescindible dados os antecedentes neste sentido dos responsables de seguridade cidadá do Concello de Santiago, responsables con anterioridade da instalación das cámaras no casco vello que foron declaradas ilegais pola Xustiza. No caso de que os dispositivos instalados nos autobuses non cumpran con todos os requisitos legais, o MpDC solicitará a súa retirada inmediata, e non dubidará e acudir de novo ós tribunais para defender os dereitos fundamentais dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario