Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos avala e respalda a actividade do MpDC

Written By Virgulino on 20/10/08 | 17:33

A Axencia española de Protección de Datos trasladou o seu respaldo a actividade que está a levar a cabo o Movemento polos Dereitos Civís na defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns. A institución emitiu unha valoración, a petición da asociación, da sentenza do Xulgado Contencioso que obriga ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeovixilancia do centro histórico da cidade. Dende a Axencia recoñécese que a instalación descontrolada de cámaras e o tratamento posterior que se lle da ás imaxes obtidas "estase convertendo nunha preocupación cada vez maior dos cidadáns" e relaciónase esta situación co incremento considerable do número de denuncias presentadas por particulares perante a AEPD, "cuxa consecuencia directa supuxo un número superior a 120 inspeccións só no ano 2007".

As palabras do director da Axencia, agradecidas por parte desta asociación, non reflicten non obstante a realidade que estamos a vivir. O aumento do vídeocontrol tanto na Galiza como no resto do Estado estase a levar a cabo dun xeito irregular, sen que na meirande parte das instalacións se cumpran os requisitos mínimos para garantir o exercicio dos dereitos e das liberdades civís, principalmente pola falla dunha lexislación máis estricta e completa neste ámbito e pola desidia practicada dende as administracións encargadas de supervisar o cumprimento da normativa. A este feito, hai que engadir que a falla dunha lei que regule os dispositivos privados facilita que se produzan vulneracións dos dereitos en espazos que pertencen ao ámbito público, pero con impunidade salvagardada polo baleiro legal. Cicunstancia esta que dificulta máis aínda a defensa dos principios que asisten a todos os cidadáns, deixando a porta aberta ao mercadeo da imaxe propia en medios de comunicación, a Internet, etc. (tal e como se puido ver esta pasada fin de semana nun xornal galego que publicou as fotografías dunha parella tomadas por unha cámara ilegal privada).

Por iso agardamos que dende a AEPD se poñan en práctica os bos desexos do director de "manter o máis firme empeño en continuar coa nosa labor de velar polo cumprimento da normativa en protección de datos y control da súa aplicación".

0 comentarios:

Publicar un comentario