Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Fiscalía obstaculiza as investigacións sobre os desaparecidos no franquismo

Written By Virgulino on 21/10/08 | 13:37

No medio dun intenso debate social sobre a situación da Xustiza, a súa falta de fondos e a demora nos procesos, o Movemento polos Dereitos Civís acolle con preocupación a decisión da Fiscalía de recorrer o auto do xuíz Baltasar Garzón sobre as desaparicións durante a Guerra Civil e o franquismo. Nun día no que maxistrados e secretarios xudiciais denuncian a súa impotencia ante a ausencia de medios humanos e materiais, e proclaman a súa falta de responsabilidade nalgúns dos erros máis escandalosos dos últimos tempos, resulta particularmente chocante a vontade da Fiscalía de torpedear as investigacións xudiciais para determinar os responsables dos crimes franquistas.

A Fiscalía presentou un recurso perante a Sala do Penal da Audiencia Nacional, supostamente para “garantir os principios de legalidade e seguridade xurídica”, aínda que recoñeceu que a presentación do mesmo non suspendía as medidas de localización, exhumación e identificación de Garzón. No escrito, presentado ante a Sala e non ante o xuíz a pesar de que este transformara o auto en sumario o pasado venres, afirma que os feitos investigados constituirían delitos comúns e non crimes contra a humanidade. Ademais, a Fiscalía considera que a Lei de Memoria Histórica e a reparación moral son as únicas canles posible para garantir a protección dos dereitos de milleiros de vítimas, ignorando a enorme importancia outorgada ó auto por asociacións de vítimas e de dereitos civís, que o consideran un histórico recoñecemento xurídico e xudicial.

Contradicións na Xustiza

Os atrancos presentados pola propia Fiscalía ás investigacións de Garzón contrastan co paro dos secretarios xudiciais e as reunións convocadas polos maxistrados, que paralizarán a actividade nos xulgados. Os funcionarios denuncian a súa impotencia ante a ausencia de medios, protestan polas sancións do caso Tirado e denuncian inxerencias políticas na súa labor. O MpDC denunciou en repetidas ocasións os erros, neglixencias e retrasos cos que se atopan os cidadáns nos procesos xudiciais; de feito, unha recente enquisa elaborada polo colectivo indicaba que oito de cada dez galegos consideran “moi lenta” a administración da Xustiza. No seu momento, o expediente dunha denuncia da asociación contra o ex alcalde da Coruña, Paco Vázquez foi completamente extraviado no xulgado competente.

Precisamente neste contexto de precariedade institucional e de ralentización crónica, o Movemento polos Dereitos Civís considera paradoxais e inapropiadas as actuacións da Fiscalía no caso das desaparicións durante a ditadura. Os recursos presentados pola mesma contra as investigacións do xuíz Garzón poden contribuír unicamente a aumentar os atrasos do sistema xudicial, e mesmo a paralizar unha causa cuxa relevancia histórica e xurídica foi salientada dende o comezo do proceso por milleiros de familiares de vítimas. Recordemos que entre as medidas do xuíz atópanse as de exhumar 19 fosas comúns e proceder a identificar as vítimas, e a de solicitar os certificados de defunción de 35 altos cargos do réxime franquista para determinar se considera extinguida a súa responsabilidade penal.

0 comentarios:

Publicar un comentario