Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos colectivos no altermundialismo

Written By Virgulino on 9/10/08 | 17:56

Xabier Macías
Director da Fundación Galiza Sempre


Na factoría latinoamericana de cambios e ideas alternativas ao neoliberalismo constátase unha achega trascendente: os movementos indixenistas reclaman unha nova democracia, participativa e pluralista, na que a igualdade como humanos non negue as diferencias entre os pobos. A plurinacionalidade e a necesaria reformulación dos Estados en base a estes principios foi defendida no Foro Social Europeo (FSE) celebrado en setembro en Malmö (Suecia) pola líder quechua Blanca Chancosa. Argumentos semellantes utilizara o avogado Amilcar Pop –amenazado de morte recentemente pola súa actividade como Presidente da Asociación de Avogados Maias- nun seminario organizado en Guatemala pola Fundación Galiza Sempre en decembro de 2006. Deste lado do Atlántico, nas nacións sen estado europeas alegrámonos da revitalización da defensa dos dereitos colectivos dos pobos agardando que desta volta acade unha mellor comprensión nos sectores da esquerda tradicionalmente insensibeis a esta realidade.

Un primeiro paso positivo logrouse en Malmö introducindo o dereito de autodeterminación nos debates do FSE. Galiza Sempre e a CIG, por parte galega, e a Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU) propiciaron unha iniciativa para que os dereitos nacionais sexan un eixo de reflexión habitual en futuros encontros do altermundialismo europeo. Resulta impensábel calquer concepción alternativa de Europa sen considerar que a negación do carácter plurinacional de tantos estados é outro lastre que sumar ao pesado fardo infrademocrático e antisocial no que está empeñada a Unión Europea.

O próximo Foro Social Mundial de Belém do Pará na Amazonia brasileira vai ser unha excelente oportunidade para a confluencia de forza e ideas entre pobos que reclaman soberanía e transformacións sociais en todos os continentes. Os dereitos colectivos terán alí un lugar específico de reflexión e o intercambio das diferentes experiencias permitirá enriquecer o discurso dun movemento antiglobalización en pleno debate sobre a súa estratexia futura. A crise que evidencia o fracaso do fundamentalismo neoliberal apremia, en certo modo, a emerxencia e fortalecemento das alternativas anticapitalistas e a ampla diversidade de movementos sociais aglutinada no proceso dos foros debe procurar súas propias respostas en base á nova cultura política que propugna. Nas análises impulsadas dende o Consello Internacional do FSM -onde Xosé Manuel Beiras participou por vez primeira- fálase de crises –financeira, alimentar, ecolóxica,…- nun contexto de “neoliberalismo de guerra” e apúntanse perspectivas multipolares na orde internacional, con novos paises emerxentes e declive da hexemonía USA. Para a acción, o altermundialismo reserva novidades como o “Belém expandido”, que busca o maior impacto e atención internacional cara ao foro de xaneiro coa realización de actividades simultáneas noutras partes do mundo, ou novos instrumentos para facilitar a conexión e promover a articulación entre movementos no espazo do foro, coa ollada posta en mobilizacións e iniciativas conxuntas. Ideas non faltan: en Malmö falouse de accións globais contra o cambio climático, da contestación ao cincuenta aniversario da OTAN no próximo abril ou de mobilizacións polos dereitos laborais.

Neste panorama, a celebración en decembro do primeiro Foro Social Galego é a oportunidade para construir a mirada propia e consolidar a nosa presenza nesta vaga de pobos e nacións que albergan e conforman a alternativa ao neoliberalismo.

0 comentarios:

Publicar un comentario