O Movemento polos Dereitos Civís edita o seu anuario no que se demostra o escaso compromiso das Administracións Públicas na defensa dos mandatos constitucionais
Un ano máis, o Movemento polos Dereitos Civís realiza unha análise da situación dos dereitos e liberdades na Galiza, así como un balanzo das súas actividades durante o último ano. O informe 2007, que acaba de ver a luz e estará en todas as librerías no mes que ven, volve contar nesta ocasión coa colaboración de avogados, sindicalistas, xornalistas e representantes de colectivos e asociación que trazan en conxunto unha visión clara sobre as eivas que continúan pervivindo no campo dos dereitos civís. “Se hai unha cousa que se poida decir con toda seguridade despois dos seis anos de existencia do MpDC, e logo da edición dos cinco número dos informes anuais, é que non hai unha soa administración, autoridade ou institución que se tome en serio a defensa dos dereitos civís dos cidadáns”. Con estas palabras inicia o voceiro do MpDC, Renato Nuñez, o novo informe da asociación, o sexto dende que se publicara a primeira edición en 2003.
Non obstante, existe unha constante ano tras ano no que se refire ás vulneracións que máis se tratan a través do MpDC: os abusos e actuacións desproporcionadas por parte das insitucións policiais, ilegalidades en materia de videovixilancia e vulneración sistemática do dereito de petición dende as administración públicas.
A respecto do primeiro punto, o avogado Alejandro Martín fai unha análise do cumprimento do artigo 10 da Constitución española, o Dereito das persoas, por parte das Forzas e Corpos de Seguranza. “Cunha cultura policial e xudicial que de verdade sitúe a dignidade da persoa e os dereitos inviolables que lle son inherentes no corazón do sistema –como está escrito no artigo 10 da Constitución-, a denuncia de aclquera cidadán ameazado, maltratado, torturado, falsamente imputado, ilegalmente detido ou simplemente vexado por axentes de policía debería automaticamente pór en marcha un mecanismo de investigación; pero non polo conduto ordinario, máis por un mecanismo que recoñeza a posición de inferioridade, debilidade e indefensión da vítima dun abuso policial e que corrixa os estándares da carga da proba”, explica Alejandro Martín no seu artigo do informe. Pola súa banda a avogada Begoña Ares estuda as situacións nas que se vulneraou o artigo 14 da CE referido a Igualdade de todos os cidadáns ante a lei, e cuestiona a validez da figura do indulto e o uso de baremos arbitrarios para aplicar esta medida de graza.
A actual Vicepresidenta 1ª do Parlamento galego, a nacionalista Tereixa Paz, traza un percorrido pola xeografía galega analizando os casos denunciados por tortura ou malos tratos policiais. Paz salienta que resulta especialmente preocupante comprobar como se teñen incrementado as denuncias contra os policias locais” e describe os casos acontecidos en Vilagarcía, Pontedeume ou Vigo.
Intimidade
Tocante ao artigo 18 da CE, o dereito ao honor e á intimidade, a asesora do MpDC Rocío Blanco aboga polo avance da regulación da videovixiancia a fin de protexer ao individuo fronte ao avance tecnolóxico. Esta é unha das demandas que dende Dereitos Civís se ten solicitado dende hai anos, xa que, a día de hoxe, non existe lexislación para controlar a instalación de cámaras privadas, agás a prohibición de enfocar á vía pública. Aínda que, en non poucas ocasión, o MpDC ten denunciado dispositivos privados dos que se demostrou que graban imaxes da rúa, sen que por iso a Delegación ou a Axencia de Protección de Datos teñan tomado medidas ao respecto.
Chegados a este punto hai que destacar que a falla de transparencoas das Administracións e as constantes trabas que poñen impiden facer un seguimento con datos fiables dos casos nos que se está a producir unha vulneración dos dereitos fundamentais ou o tipo de medidas que se levan a cabo contra as institucións que sistematicamente incumpren a lexislación vixente.
Dionisio Pereira analiza a liberdade de investigación
O historiador Dionisio Pereira é o encargado, nesta ocasión, de presentar o Informe 2007 cun artigo no que trata a cuestión da liberdade de investigación, e plo tanto o dereito a saber, e expón o caso de varios compañeiros de profesión que, como el, víronse envoltos en denuncias mentras estaban a practicar pescudas sobre a represión franquista. Pereira denuncia a indefensión xurídica na que se atopan os historiadores no seu traballo cotiá.
A tutela xudicial en entredito
O avogado Nemesio Barxa analiza no seu artigo as cuestións referidas á protección xudicial dos dereitos, un mandato da CE do que recoñece que “imos esquecendo o seu contido para fazer dele uma gaveta de sastre no que acumular tantas e tantas frustracions como sufrimos dos nossos políticos e dos poderes públicos ao longo da nossa sa vida”. Barxa tamén aposta por unha educación da cidadanía no coñecemento deste dereito, de cara a conseguir unha correcta e efectiva aplicación da tutela xudicial. Para isto indica que se fai necesario unha publicitación do dereito nos medios de comunicación e dende o Goberno.
A situación dos dereitos civís na Galiza, a análise no Informe 2007 do MpDC
Written By Virgulino on 21/8/08 | 13:51
Etiquetas:
AGPD,
Concello de Pontedeume,
Delegación do Goberno,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe,
Dereito das Persoas,
Informe,
Valedor do Pobo,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario