Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección do Individuo fronte ao avance teconolóxico

Written By Virgulino on 7/6/08 | 11:00

Rocío Blanco Leirado, asesora xurídica do MpDC.

O artigo 18 da Constitución do Estado español de 1978 consagrou os Dereitos á Honra, á Intimidade e á Propia Imaxe das persoas como Dereitos Fundamentais. Os tres Dereitos da Personalidade recollidos no artigo son, baixo o criterio da doutrina maioritaria, dos máis coidados e valorados do texto constitucional e gozan dun especial nivel de protección debido ao ben xurídico protexido.

Hoxe en día, o avance da tecnoloxía vai moi por diante do Dereito e da aplicación que do mesmo fan os Tribunais encargados de enxuizar os distintos conflictos que se suscitan na materia.

Nos últimos 20 anos non hai discusión de que a nosa sociedade sufriu numerosos cambios, en concreto o tratamento e almacenaxe da información por medios tecnolóxicos esta a conquistar día a día máis aspectos da nosa vida cotiá. Non obstante a normativa que regula esta materia non se axeita á nova situación social, a Lei Orgánica que regula o Dereito á Honra data do ano 1982, e a normativa en materia de vídeovixiancia do 1997. Pola súa parte os Tribunais non aportan sentencias innovadoras nin abordan as novas situacións.

As posibles vulneracións que se daban no pasado con respecto aos Dereitos recollidos no artigo 18 da Constitución poderiamos sintetizalas na afectación da honra ou da propia imaxe en virtude dunha declaración falsa, ou ben, na afectación da honra ou da propia imaxe en virtude dunha declaración certa que non fose de lexitimo coñecemento para a opinión pública; pero hoxe en día internet, a masiva instalación de cámaras de vídeovixianza e os teléfonos móbiles, entre outros, fan que se multiplique o risco e o número de persoas que poden ver vulnerados estes Dereitos, co agravante de que os poderes públicos encargados de velar pola efectividade dos mesmos estanse a manter á marxe.

Tomando como exemplo a cada vez máis estendida vídeovixianza, fóra de introducirnos no cuestionable feito de que a norma española entende que a “captación, reproducción e tratamento de imaxes e sons non se considerarán intromisións ilexítimas ao Dereito á Honra, á Intimidade Persoal e Familiar e á Propia Imaxe”; dende unha perspectiva teórica esa captación, reproducción e tratamento de imaxes, está supeditada a unha serie de requisitos e condicionamentos que a norma establece de xeito claro e estricto.
Os requisitos esixidos polas normas tradúcense en garantías para os cidadáns, polo que o seu incumprimento implica que o que nun principio tiña por obxecto velar pola seguridade dos particulares, convertese no causante da vulneración do Dereito, e consecuencia da súa ausencia o Dereito queda baleiro de contido.

A problemática actual é que os organismos encargados de velar polo cumprimento deses requisitos, e que na nosa CCAA son: A Delegación de Goberno de Galiza, a Axencia Española de Protección de Datos e en última instancia o Defensor del Pueblo como ente independente que ten encomendado velar polo axeitamento da Administración Pública á normas vixentes; fan a vista gorda á hora de facer cumprir cos citados requisitos aos organismos, polo que se está a converter en conducta habitual a instalación de dispositivos que captan imaxes e sons que non revisten da legalidade esixida, este é un problema grave que esta a conseguir que a nosa sociedade considere “normal” a perda de intimidade constante, e a cesión dos nosos Dereitos en virtude dunha falsa seguridade.

Na miña opinión, non existe en ningún dos lugares dos que actualmente contan con mecanismos para a recepción e tratamento de arquivos gráficos ou sonoros no noso territorio, un criterio lóxico e proporcional para a súa instalación e posta en funcionamento, por isto e por todo o antes exposto é urxente que se establezan novas formas de protección do individuo fronte ao avance tecnolóxico.

0 comentarios:

Publicar un comentario