Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"O dereito a empregar o galego en calquera ámbito ten rango de dereito fundamental"

Written By Virgulino on 8/6/08 | 9:00

Ana López-Suevos, Maxistrada do Xulgado do Social.

Texto: MpDC.
Imaxe: X. Bocixa (ANT)



Xuíz-Maxistrada do Xulgado do Social número de Compostela e denunciada por unha emisora de radio por empregar o galego durante un xuízo, Ana López-Suevos repasa a situación da lingua galega na Administración da Xustiza, onde, explica, “no 99,90% dos casos os procedementos se tramitan en castelán”, sen que se teña en conta a opción lingüística expresada polos cidadáns.


MpDC: Nun momento no que se determinados sectores da sociedade critican unha suposta “imposición do galego”, vostede acaba de sufrir un ataque por utilizar a lingua da Galiza nun ámbito no que o seu uso é claramente minoritario. Como poden convivir estas dúas percepcións tan dispares da situación do galego?


Ana López Suevos: Eu creo que os que afirman que existe unha imposición do galego non teñen unha percepción errónea, senón que detrás da súa postura existe unha determinada ideoloxía e concepción de desprezo do galego como lingua en igual situación de cooficialidade co castelán. Afirmo o anterior porque me resulta inverosímil que quen vive na Galiza poda negar que é perfeitamente posible viver con total normalidade en castelán e non así en galego, sendo os cidadáns que optan por esta lingua como a de uso habitual os únicos que atopan atrancos para expresarse e ser atendidos na mesma.


MpDC: Son habituais este tipo de denuncias no TSXG, referidas ao emprego do galego por parte dos xuíces ou só se trata dun caso illado? E á inversa, prodúcense moitas queixas precisamente pola ausencia da nosa lingua na Administración da Xustiza?

A.L.P.: Non teño un coñecemento exhaustivo destas circunstancias pero si me consta que algún outro xuíz ou maxistrado foi obxecto polo menos de queixas por ter empregado o galego. En relación coa negativa dos xuíces ou maxistrados por non dar resposta a unha petición do administrado a tramitar o procedemento galego si existen varias denuncias, pero non me consta que nunca a resposta do CXPX fora dar instrucións ao órgano xudicial respectivo para que en cumprimento do disposto na Carta europea de linguas rexionais e minoritarias se procederá a atender a petición do administrado.

MpDC: Resulta curioso que vostede emitise unha sentenza para repor un dereito vulnerado a unha traballadora e logo foi vostede á que veu vulnerados os seus dereitos lingüísticos a causa dunha denuncia por empregar o galego...

Preferiría non referirme a ese caso concreto por canto as dilixencias abertas polo CXPX con motivo desas denuncias contra min seguen abertas. En todo caso quero insistir en que nunca debera empregarse a circunstancia da lingua empregada polo xuíz ou maxistrado como arma para criticar ou pretender a revogación da súa sentenza ou resolución. As discrepancias con estas últimas deberan ser xurídicas e sustanciarse a través dos recursos existentes no noso ordenamento xurídico.

MpDC: Cales son as razóns, segundo vostede, polas que o galego continúa discriminado no ámbito da Xustiza?

A.L.P: Fundamentalmente porque carecemos dos medios materiais (como os informáticos) imprescindíbeis para a súa normalización.Tamén pola ausencia do debido convencemento por parte dos implicados de que o administrado ten dereito a que o procedemento xudicial sexa tramitado en galego se así o solicita. Como xa comentei desde o ano 2002 este dereito é unha obrigación asumida polo Estado español tras ratificar a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias, polo que resulta inaceitábel que non se dea cumprimento a este compromiso asumido internacionalmente e que forma, parte tras a súa ratificación polo Estado español, do noso ordenamento interno.

MpDC: Como afecta esta falta de normalización aos dereitos dos cidadáns? Cales son os casos máis graves que lembra a este respecto?

A consecuencia é a máis grave das posíbeis: o procedemento tramítase en castelán no 99,90% dos Xulgados galegos , con total independencia da opción expresada polo administrado. Tamén se rexistran casos de cidadáns ou avogados amonestados por empregar o galego nas súas intervencións. Isto último resúltame absolutamente rexeitábel por canto parto da convición xurídica de que o dereito a empregar o galego en calquera ámbito ou situación da nosa vida ten rango de dereito fundamental, e existen múltiples argumentos para avalar esta afirmación.

MpDC: Ferramentas de traballo, tais como un corpus legal ou un dicionario de termos especializado en galego, axudaría a promover o emprego da nosa lingua entre avogados e maxistrados?

A.L.S: Por suposto, pero sobre todo dispoñer dun sistema informático en galego. Como podemos aceitar que na era das tecnoloxías se aleguen todo tipo de escusas para non fornecernos dun sistema informático en galego? Nunha Administración que funciona con procedementos informatizados a ausencia de galego nos mesmos é sinónimo do seu total obstracismo. E para os que alegan motivos económicos para non proceder á tradución dos sistemas informáticos á nosa lingua, reitérolles que as decisións que atinxen ao respeito e garantía do exercicio dos dereitos fundamentais non se deben valorar en termos economicistas.



0 comentarios:

Publicar un comentario