Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís lamenta que dende a presidencia do Parlamento se limiten os dereitos dos cidadáns

Written By Virgulino on 17/6/08 | 20:40

Os representantes da CIG que esta mañá acudiron ao Parlamento a facer entrega das case 20.000 sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular, asistiron a unha actuación impropia dun sistema que se considera “democrático”. Os equipos de seguridade botaron fóra do edificio do Hórreo ao secretario xeral da central sindical, Suso Seixo, e ás persoas que o acompañaban no momento no que se dispuñan a realizar as declaracións pertinentes aos medios de comunicación, tras a entrega no rexistro das sinaturas. Os axentes explicaron que recibiran orde de impedirlles facer calquera tipo de manifestación mediática dentro do edificio, xa que, “está prohibido” no regulamento interno.

Dende o Movemento polos Dereitos Civís considérase que a orde demostra a actitude antidemocrática da presidencia do Parlamento, quen coa súa decisión limita o dereito á información dos cidadáns, nun xesto que afecta negativamente á imaxe do Parlamento. Ademais, hai que ter en conta que se trata dun edificio público no que se estaba a por en práctica un dos poucos mecanismo de inxerencia cidadá nos asuntos da vida pública e na xestión gobernamental, e no que se permitiu a captación de imaxes por parte dos reporteiros gráficos, polo que resulta aínda máis sorprendente que se lles prohibise realizar declaracións aos representantes da CIG.

Unha situación semellante padeceuna no 2005 A Mesa pola Normalización Lingüística, aínda que naquela ocasión nin sequera se lles permitiu convocar aos medios no recinto parlamentario e mesmo foron chamados para presentarse diante da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, quen lles indicou tamén que “só podería facer este tipo de convocatorias a través de algún partido”.

Segundo relataban dende o colectivo “é a primeira vez nos vinte anos de existencia da Mesa pola Normalización Lingüística que acontece tal situación. Mesmo na última lexislatura A Mesa (igual que moitas outras asociacións cidadás, sindicatos, etc) convocou máis actos dese tipo no Rexistro do Parlamento, sen que o anterior Presidente da Cámara, García Leira, puxese o máis mínimo obstáculo”.

0 comentarios:

Publicar un comentario