Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As deficiencias da Axencia de Protección de Datos denunciadas por Dereitos Civís chegan ata o Senado

Written By Virgulino on 16/6/08 | 18:23

O nacionalista Pérez Bouza pregunta ao Goberno estatal que medidas ten pensado tomar para frear a parálise administrativa que sofre a institución

As deficiencias no funcionamento da Axencia de Protección de Datos denunciadas polo Movemento polos Dereitos Civís xa chegaron ata o Senado. O senador nacionalista , Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou unha pregunta na Cámara alta ante a falta de resposta por parte da AEPD polas recentes queixas tanto desta asociación como da Vicepresidencia da Xunta, logo de que se filtrasen datos dos usuarios dos teléfonos do Maior e o Menor.

No seu escrito Pérez Bouza pregunta ao goberno se ten pensado incrementar o persoal de funcionarios da Axencia, dado que a falla de persoal é unha das cuestións que dificulta a resolución en tempo dos expedientes. De feito, a contestación dunha queixa pode demorarse ata 23 meses, tempo no que se están a vulnerar os dereitos cidadáns. De igual xeito, o Goberno deberá informar sobre o número de expedientes presentados no 2007 e no que vai do presente ano, de que tipo e cantos deles foron resoltos. Así mesmo, terá que pronunciarse arredor das medidas que ten pensado levar a cabo para solucionar a parálise na que se atopa a institución.

O MpDC ten iniciado unha campaña para denunciar os continuos atrasos na solución dos expedientes tramitados, en especial os que se refiren á instalación ilegal de cámaras de videovixilancia. A situación de desbordamento chega ata tal punto que a propia AEPD se puxo en contacto con Dereitos Civís para pedir que limite o envío de denuncias a un escrito por semana, pois asegura contar só con 14 funcionarios adicados a esta tarefa.

Axencia Galega

Dereitos Civís tamén apoia a proposta presentada polo senador do BNG referente á creación dunha Axencia de Protección de Datos específica de Galiza. Esta medida serviría para aliviar a carga de traballo da AEPD, polo que se axilizarían as resolucións de expedientes, ademais de garantir unha maior proximidade e coñecemento dos asuntos tratados, xa que se trataría de avaliar a actividade, entre outros, da administración galega. Neste senso pódese equivaler a constitución da Axencia Galega coa creación da figura do Valedor do Pobo, con competencias ben definidas que non entran en contradición co Defensor del Pueblo, máis pola contra constitúe unha institución con autonomía capaz de atender as demandas dos galegos (cando menos, na teoría).

0 comentarios:

Publicar un comentario