Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís pregunta por que a Fiscalía non actuou cos alcaldes que tomaron o Parlamento coa mesma dilixencia que cos mariñeiros

Written By Virgulino on 17/6/08 | 13:04

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela tratará de identificar aos participantes co obxectivo de determinar “responsabilidades” dun feitos que cualifica como “graves”

O Movemento polos Dereitos Civís pregúntase por que a Fiscalía non se tomou a molestia de identificar e tomar as mesmas dilixencias que agora vai comezar a practicar cos mariñeiros e armadores que participaron nunha manifestación diante do Parlamento a semana pasada. Segundo un comunicado da Fiscalía Superior de Galiza, o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela vaise adicar a identificar e averiguar que persoas que tomaron parte da mobilización co obxectivo de poder esixir “responsabilidades”. Para levar a cabo a súa tarefa, o tribunal botará man das imaxes tomadas polos medios gráficos que se atopan no lugar dos feitos.

Os sucesos da semana pasada foron moi similares aos acontecidos no ano 2005, cando un grupo de alcaldes tomou pola forza o edificio do Hórreo, tamén durante a celebración dunha sesión plenaria parlamentar. Dereitos Civís xa manifestou os seus receos coa actuación da Delegación neste caso, pois ante semellantes sucesos adopta posturas totalmente opostas. Sirva de exemplo a identificación dos manifestantes ou a cualificación de "graves e desproporcionados" dos altercados protagonizados polos mariñeiros. Non obstante, as protestas dos rexedores municipais non foron obxectos de investigación algunha nin de sanción administrativa de calquera índole, a pesar de estar a cometer os mesmos actos e aínda que a lexislación prohibe calquera tipo de manifestación, estean ou non comunicadas, diante da Cámara galega durante os Plenos.

Nesta ocasión xa hai dúas persoas citadas a declarar como imputados e a Fiscalía investiga se se tratou dunha manifestación “organizada e dirixida por grupos ou foron persoas concretas”, a fin de delimitar as posibles responsabilidades. Desta vez, volve semellar que o principio de igualdade ante a lei non ten diferente valor, dependendo do cidadán ao que se lle aplique. Cabe lembrar que esta circunstancia de “igualdade de condicións” non se ten dado nas últimas mobilizacións sociais ocorridas na Galiza. De feito, a Delegación xa ten enviado propostas de sancións ás persoas que participaron nas concentracións da COPE ou aos mariscadores da Coruña que tomaron parte nas protestas para mellorar as súas condicións laborais.

0 comentarios:

Publicar un comentario