Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Ares acepta as recomendacións do Defensor del Pueblo sobre videovixilancia

Written By Virgulino on 30/5/08 | 18:20

O goberno local comprométese a respectar a legalidade e contar coas autorizacións precisas antes de proceder a instalar novas cámaras

O Concello de Ares vén aceptar as advertencias do Defensor del Pueblo sobre a videovixilancia. Segundo informou a institución dirixida por Enrique Múgica, o Concello aceptou “o recordatorio de deberes legais” formulado polo Defensor a instancias do Movemento polos Dereitos Civís. Esta aceptación supón o compromiso do goberno local de non instalar novas cámaras de videovixilancia sen contar coa autorización e o informe favorábel da Comisión de Garantías. Un feito que dende Dereitos Civís agardan non queda tan só nunha simples declaracións de intencións, senón que se cumpra no futuro. O Defensor tamén indicou que o resultado do expediente quedará especificado no seu próximo informe ás Cortes Xerais do Estado.

Esta é a tereceira ocasión que o MpDC demostra que se instalaron cámaras de control cidadáns de xeito ilegal. Aos dispositivos de videovixiancia de Ares, hailles que sumar as cámaras que quedou demostrado se colocaran de xeito ilegal en Santiago de Compostela e na estación de autobuses da Coruña, das que a propia Subdelegación recoñeceu que estaban rexistrando imaxes sen ter autorización. Non obstante, existen aínda un bo número de dispositivos instalados por todo o país ilegalmente, que non cumpren cos requisitos de proporcionalidade e idoneidade establecidos pola lexislación vixente e que, polo tanto, non garanten que se estean a respectar os dereitos dos cidadáns, especialmente o dereito fundamental á intimidade, honra e propia imaxe.

Dereitos Civís reitera unha vez a súa petición aos Concellos galegos para que busquen alternativas á instalación de videocámaras como medio de seguridade cidadá, pois a súa efectividade non está demostrada nin se axusta, na maioría dos casos, á finalidade coa que se xustificou a súa instalación. Por esta razón, o MpDC agarda que o Concello de Ares tome nota do recordatorio dos seus deberes coa legalidade transmitido polo Defensor e actúe en consecuencia nas súas decisións de futuro.

0 comentarios:

Publicar un comentario