Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Axencia de Protección de Datos filtra información confidencial da Vicepresidencia da Xunta

Written By Virgulino on 30/5/08 | 20:23


O organismo remitiu un documento no que se recollen os datos persoais de ducias de cidadáns que empregaron o teléfono do Maior e do Menor

O organismo encargado de garantir o cumprimento dos dereitos fundamental recollidos no artigo 18 da Constitución española é a primeira en vulnerar o seu cometido. A Axencia española de Protección de Datos remitiu un informe sobre unha empresa de atención telefónica que atende o servizo do Teléfono do Menor e do Maior de Vicepresidencia da Xunta, no que se inclúen os datos persoais de varias ducias de persoas. A información de carácter persoal, e polo tanto confidencial e suxeita ás leis de protección de datos, manxeda pola AEPD inclúe o nome, a dirección e o teléfono tanto dos propios contratados pola empresa de call center como dos usuarios do servizo telefónico.

De feito, aparecen os datos de varios traballadores así como os de sete persoas que empregaron o servizo. Asimesmo, no escrito remitido pola AEPD recóllense os datos dunha nai que chamou para pedir auxilio por un problema co seu fillo de nove anos. No documento recóllese explicitamente cal é a cuestión consultada pola muller, así como a idade e o nome completo do menor, un feito especialmente grave, por canto os dereitos dos nenos reciben unha protección especial ao tratarse dos cidadáns máis vulnerables. O informe enviado pola Axencia contén tamén setenta números de teléfono de persoas que se dirixiron ao servizo tanto do Menor como do Maior.

A AEPD é o organismo encargado de velar pola confidencialidade dos datos dos cidadáns españois, maiormente se se trata de bases de información manexadas pola institución durante un proceso de investigación a unha empresa acusada de vulnerar o dereito á intimidade dos seus usuarios e traballadores. Non obstante, actuacións como a que acabamos de describir revelan que o funcionamento da Axencia falla estrepitosamente. Dereitos Civís pregúntase que garantías teñen os cidadáns se a propia AEPD vulnera os dereitos fundamentais que debe protexer. Como vai funcionar eficazmente un organismo que afirma estar saturado de traballo e falto de persoal? Ante esta nova agresión contra os dereitos, o MpDC reclama á Axencia que tome medidas urxentes para mellorar o seu funcionamento e se autorregule para evitar filtracións de datos de carácter persoal a terceiras persoas.


Informe da Fiscalía

No documento trasladado pola Axencia, reflíctese tamén un informe da Fiscalía no que se recoñece que outra empresa de call center garda datos confidencias dos usuarios na aplicación informática que emprega. A Fiscalía indica que estivo recopilando informacións de carácter persoal dos usuarios que ían máis alá da actividade empresarial asignada, chegando mesmo a tratarse de valoracións sobre as persoas que realizaban as chamadas. Datos non necesarios para ofrecer a asistencia e que se gardan sen que os afectados teñan coñecemento deste feito.

A pesar deste informe concluínte sobre a actividade ilegal da empresa de call center, por tanto estaba a vulnerar o dereito á intimidade dos usuarios e empregados, a Axencia de Protección de Datos decidiu dar por boa a actuación da entidade e arquivar as investigacións. Así mesmo, no expediente tramitado, non pode demostrar que a empresa non estea a gravar aos chamantes sen o seu consentimento, e pola contra, si que recoñece que dispón desta tecnoloxía.

0 comentarios:

Publicar un comentario