Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís denunciará as cámaras de videovixiancia instaladas no edificio da Xefatura de Tráfico de Ourense

Written By Virgulino on 1/5/08 | 9:00

A asociación xa presentou un escrito ante Protección de Datos para investigar se a entidade notificou a creación dos ficheiros das imaxes gravadas polos dispositivos

O Movemento polos Dereitos Civís anunciou que denunciará as cámaras de videovixiancia instaladas no exterior do edificio no que ten as oficinas a Xefatura Provincial de Tráfio de Ourense (na rúa Curros Enríquez), xa que carecen da autorización pertinente. A Xefatura permitiu que se colocara unha cámara circular de circuíto cerrado de televisión na marquesina superior da fachada e doutras dúas nas esquinas do inmoble, que xa están en funcionamento, aínda que carecen da licencia e do informe favorábel da Comisión de Garantías.

Ademais, segundo puido saber esta asociación, a comunidade de veciños do inmoble rexeitara de xeito expreso a instalación das cámaras, xa que estes dispositivos constitúen unha medida de seguridade altamente intrusiva na vida privada das persoas. De igual xeito, tampouco se alerta aos transeúntes con ningún tipo de cartel ou panel de que están a ser gravados, tal e como obriga a lexislación en materia de videovixiancia. A estas tres cámaras súmaselle unha cuarta ubicada no interior das oficinas dirixida cara ao exterior e que grava permanentemente a beirrarúa. A este respecto hai que recordar que a lexislación estipula que as cámaras instaladas nos espazos privados “non poderán obter imaxes de espazos públicos salvo que resulte imprescindíbel para a finalidade da vixilancia que se pretende”, e que neste caso, sería o control do que sucede no interior das oficinas a fin de dar maior seguridade aos funcionarios, polo que non ten sentido que as cámaras graven fóra dese espazo.

Ante este novo caso de ilegalidade e vulneración dos dereitos fundamentais dos cidadáns, especialmente neste caso dos veciños que cada día entran e saen das súas vivendas, xa que as oficinas están ubicadas nunha finca privada, o MpDC dirixirase á Delegación do Goberno para preguntar pola legalidade destes catro dispositivos de control cidadá, que non se axustan ao principio de proporcionalidade e idoneidade establecido na lei. Así mesmo, remitirá un escrito á Xefatura Provincial solicitando a retirada inmediata das mesmas.

Dereitos Civís xa remitiu un escrito a Axencia Española de Protección de Datos co obxectivo de averiguar se as cámaras instaladas pola Xefatura constan no Rexistro da Axencia e se solicitaron as preceptivas autorizacións para a súa instalación. A Instrucción 1/2006 establece que a persoa ou entidade que prevea a creación de ficheiros de videovixiancia deberá notificalo previamente á AEPD, para a súa inscrición no Rexistro Xeneral da mesma.

As actuacións do Movemento polos Dereitos Civís súmanse as acción legais xa emprendidas por algúns veciños do inmoble afectado.

0 comentarios:

Publicar un comentario