Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno acumula denuncias por violacións dos dereitos fundamentais dos cidadáns

Written By Virgulino on 24/5/08 | 0:09

A Delegación do Goberno está a acumular un gran número de denuncias por vulneracións dos Dereitos na Galiza. Este feito da conta da situación de abandono e inseguranza na que se atopa no noso país a defensa dos dereitos fundamentais por parte das Administración. O organismo estatal emitiu na última semana cinco acuses de recibo por outras tantas queixas tramitadas polo Movemento polos Dereitos Civís. A asociación ten agardado meses antes de que a Delegación emita unha contestación ou inicie a investigación dalgún dos casos denunciados, e case sempre as respostas van encamiñadas a evitar unha aclaración dos feitos, dando por boas actuacións nas que claramente se viron vulnerados os dereitos dos cidadáns.

A actitude escurantista e obstrucionista da Delegación supón un serio atranco para a resolución de situacións de quebra dos dereitos e instaura nas administracións a idea do “todo vale”, xa que teñen a certeza de que contarán co apoio da institución para salvagardar as súas accións. Exemplo desta afirmación constitúeno tanto a proliferación de cámaras ilegais nos concellos do noso país como as actuacións extra-limitadas por parte das Forzas e Corpos de Seguranza. Así mesmo, esta actitude vai creando a idea dunha administración parcial que só actúa a favor doutras administracións mentres que deixa esquecido ao cidadán, que cada día sente como se recortan os seus dereitos sen atopar organismo ao que acudir.

Dereitos Civís reclama á Delegación maior axilidade e eficacia á hora de resolver situacións de vulneracións dos dereitos, ao tempo que lle solicita ao Sr. Ameijeiras que vire a súa política baseada na man dura, cara a un maior diálogo coa sociedade galega e conte cos axentes sociais á hora de planificar estratexias de seguridade cidadá.

0 comentarios:

Publicar un comentario