Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Xitanos, Xente Invisíbel

Written By Virgulino on 1/4/08 | 11:35

Suso de Toro. Escritor

Os xitanos existen. Non son unha ficción. Aínda máis, existen entre
nosoutros, son conveciños nosos no mesmo país, convén sabelo porque
facemos como se non existisen. Facémolo os galegos e os españois
todos. Facemos como que existen nunha dimensión aparte, nun planeta
distinto e como que nada máis veñen a estar entre nós ocasionalmente,
son esas veces nas que saen nos sucesos: droga, axustes de contas
entre clans, poboados de miseria…Non é certo, están aquí, son tan de
aquí como os demais, únicamente que non os queremos ver.

Na España os xitanos son cousas contrarias, son un signo
identitario: olé, Camarón, Lola Flores, tablao…, e son o delito, a
marxinalidade, o perigo, o medo.

Estes días saiu á superficie a realidade incómoda dos
poboados marxinais habitados por xente de etnia xitana, en Pontevedra
e na Coruña. Non hai máis remedio que afrontar iso. Non é só un
problema social: que facer cos habitantes deses poboados onde,
efectivamente, hai verdadeiros mercados de drogas ilegais. Aldeas de
choupanas onde acoden todos os compradores desas drogas, e se acoden
alí e porque non viven alí: viven nos bairros altos e baixos que
compoñen as nosas cidades, as cidades dos paios. Alén dese problema
social que hai que solucionar, porque eses nenos e adultos teñen
dereito a seren tratados como seres humanos desta parte do mundo,
existe un verdadeiro problema nacional: existe unha etnia entre
nosoutros que non forma parte da sociedade, non está integrada e vive
á marxe. Haberá que pensar en serio que facer: é a integración unha
solución? Poden conservar a súa identidade caló integrándose nas
estructuras sociais nosas? Pode a nosa sociedade ter dentro etnias
con leis e modos de vida á marxe?

É un verdadeiro problema do estado español, mais xa que isto
está a rebentar aquí deberiamos ser nós quen empezase este debate. A
administración galega debera abrir un debate organizado e fondo no
que participasen os propios xitanos e tamén asistentes sociais,
antropólogos e técnicos das administracións doutros países nos que se
teñan feito ensaios para solucionar un problema tan complexo e tan
dramático.

0 comentarios:

Publicar un comentario