Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

8 de marzo, Día da Muller traballadora. Loitando contra a dobre presenza: dobre loita, dobre resposta

Written By Virgulino on 1/4/08 | 11:32

María do Carme López Santamariña. Secretaria Confederal de Muller da CIG

Un ano máis, a CIG ven de celebrar o día 8 de marzo, saíndo a rúa en defensa dos nosos dereitos como traballadoras, sacando á luz pública unha Campaña de denuncia da dobre presenza, facendo un breve percorrido en imaxes da participación das mulleres no sindicato nacionalista cunha exposición itinerante polo país, así como organizando o acto nacional de entrega do Premio 8 de Marzo, dirixido a recoñecer o labor de mulleres traballadoras en defensa dos seus dereitos, que en esta ocasión foi parar ás mans das traballadoras do servizo de limpeza do Concello de Santiago.

Coa campaña deste ano pretendemos denunciar as raíces estruturais de división sexual do traballo dentro do ámbito familiar, e a importancia política do pacto social que a mantén. Por iso demandamos políticas sociais que atendan as carencias materiais da conciliación, que ademais sexan capaces de mudar as pautas e os valores que hoxe en día sosteñen este modelo. Esta dobre presenza estase a converter no asasino silencioso de moitas mulleres, vítimas de depresión, ansiedade, insomnio, trastornos alimenticios, ataques cardíacos, e accidentes relacionados coa carga de traballo.

Un século despois do incendio na fábrica do téxtil, as mulleres seguemos a sufrir violencia e discriminación, nos ámbitos da saúde, a reprodución e a educación, na promoción profesional, intelectual e política. Seguimos atopando un teito de cristal que limita a nosa equiparación cos homes, sobre todo cando queremos acceder a postos de liderado político, económico, social, intelectual.

Temos que adoptar un novo xeito de socialización, reivindicando os dereitos que como mulleres acadamos. Porque as diferenzas de xénero non se solucionan cun cambio de discurso, nin de perspectiva, senón que se requiren un cambio estrutural de fondo, que se constrúe desde a acción.

0 comentarios:

Publicar un comentario