Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Defensor del Pueblo reclamará documentación ao Concello de Ourense sobre a instalación de cámaras de vídeo vixilancia

Written By Virgulino on 20/4/08 | 9:00

O Defensor del Pueblo vén de comunicar ao Movemento polos Dereitos Civís que se dirixirá ao Concello de Ourense para reclamar máis información sobre a instalación e o uso de cámaras de vídeo vixilancia, “coa finalidade de obter unha información máis completa sobre o problema”. O Defensor xa solicitara a Dereitos Civís toda a documentación no seu poder sobre esta cuestión, que agora espera ampliar dirixíndose el mesmo ao Concello.

A nova actuación da institución dirixida por Enrique Múgica súmase así á denuncia que o MpDC presentou contra o goberno das Burgas perante a Fiscalía polo uso incorrecto das cámaras de tráfico para tarefas de vixilancia cidadá. Nun escrito remitido pola Concellería de Tráfico e Seguridade ao Movemento polos Dereitos Civís, afírmase que as videocámaras “cumpren un dobre obxectivo: o principal é a protección da seguridade cidadá e o secundario é a vixilancia do tráfico”. Non obstante, e segundo os datos trasladados dende o Goberno de Madrid, tan só dous concellos galegos contan con autorización para ter instalados estes: A Coruña e Santiago, polo que o goberno ourensán estaría a utilizar dun xeito fraudulento e ilegal as cámaras.

As actuacións de Dereitos Civís comezaron o pasado 15 de agosto, cando saíu publicada unha información na que se recollía que as cámaras que vixían o tráfico nas rúas da cidade “axudaron” á detención dun fugado da policía. Non obstante, as imaxes empregadas para a detención foron difundidas nos medios de comunicación, vulnerándose así os preceptos da lexislación relativos á defensa dos dereitos fundamentais, protección de datos e boa práctica das actuacións da Policía Xudicial e demais Forzas e Corpos de Seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario