Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A COPE quere amordazar o galego. Non llo imos permitir

Written By Virgulino on 23/4/08 | 17:36

Hai unhas semanas Radio Popular, S.A. (propietaria da Cadena Cope, a emisora da retrógrada Conferencia Episcopal) denunciaba perante o Consello Xeral do Poder Xudicial a unha maxistrada galega, a titular do Xulgado do Social núm. 2 de Santiago de Compostela. A acusación dos servizos xurídicos da radio dos Bispos –acusación que acabou sendo arquivada- baseábase na suposta parcialidade da xuíza por permitir a utilización do galego nun xuízo contra a emisora e por emitir tamén en galego a sentenza do devandito xuízo.

É precisamente cando perde o xuízo, cando a Cope alega que o seu avogado non coñece a lingua galega e, entre outros argumentos igualmente insólitos, cita como datos reveladores da suposta parcialidade da maxistrada que permitiu á letrada da demandante formular as súas conclusións en lingua galega, que a acta do xuízo foi feita en galego e que a sentenza foi igualmente notificada na lingua propia de Galiza.

A denuncia da Cope, que parece ignorar o carácter oficial que na actualidade posúe a lingua galega, é reveladora do ánimo vingativo da emisora ao recibir unha sentenza contraria aos seus intereses empresariais e tamén dos seus fondos prexuízos contra o galego, unha lingua que dista moito de ser de uso normal na Administración de Xustiza, o que fai aínda máis valioso o compromiso e esforzo individual de xuíces como a denunciada pola emisora episcopal, xuíza á que lle queremos enviar unha mensaxe de solidariedade e ánimo na súa perseveranza en favor do idioma galego.

Aínda estes días se facía público un informe do Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, no que se advirte do escaso uso da lingua propia de Galiza nas actuacións xudiciais que se dan en Galiza. De feito, apenas un 8% das sentenzas que se producen están redactadas en galego, unha cifra escandalosamente baixa que debería facer reflexionar tanto aos profesionais do Dereito e da Xustiza como o do conxunto de institucións e administracións implicadas.

Fronte a esta realidade negativa para a lingua do país, a Cope exterioriza os seus prexuízos e a súa animadversión a respecto do galego, e pretende rebaixar o seu estatus legal, tentando impedir que nun ámbito como o da Xustiza, claramente castelanizado, a nosa lingua teña un desenvolvemento como lingua normal de uso.

A hostilidade da radio dos Bispos para coa lingua galega contrasta ben co seu entusiasmo para recibir axudas públicas da Administración autonómica galega. Así, no último ano e medio Radio Popular, S.A. (propietaria da Cope) recibiu case uns 120.000 euros, a través de diversas subvencións e convenios asinados con diferentes departamentos da Xunta de Galiza.

Cunha man desprezan o principal sinal da nosa identidade colectiva, o idioma, e coa outra pídenlles cartos ás institucións galegas!

Non imos permitir que a Cope queira amordazar a nosa lingua. Dicímosllo hoxe con esta concentración, que está a ser simultánea a outras en cada unha das principais cidades do noso país. E dirémosllo cantas veces faga falta.

(Manifesto lido o 23 de abril de 2008, durante as concentracións diante das emisoras da COPE nas cidades galegas)

0 comentarios:

Publicar un comentario