Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Máis de 500 persoas participaron nas concentracións diante da COPE para defender o uso da lingua galega

Written By Virgulino on 24/4/08 | 13:15



Vigo, con case 200 participantes, foi a cidade que máis asistentes rexistrou, seguida por Santiago e A Coruña

Máis de 500 persoas acudiron onte pola as concentracións convocadas polo Movemento polos Dereitos Civís diante das emisoras da COPE das sete cidades galegas. Baixo o lema “A COPE quere amordazar o galego. Non llo imos permitir”, medio milleiro de persoas se congregaron en toda Galiza para denunciar a actitude belixerante da radio dos bispos a respecto do uso do galego, xa que hai unhas semanas presentou unha denuncia contra unha maxistrada de Compostela por permitir e utilizar o a nosa lingua.
Durante a concentración puideronse escoitar consignas tais como “esta emisora é unha represora”, “a radio episcopal trátanos fatal” ou “Rouco Varela contra a lingua galega”, coas que os asistentes trasladaron un claro rexeitamento cara a política lingüística practicada por Radio Popular, S.A. Vigo foi a cidade na que máis cidadáns, arredor dunhas 200 persoas, se reuniron diante da radio para facer valer os seus dereitos lingüísticos, seguida de Santiago e A Coruña.

Ao final do acto procedeuse á lectura dun manifesto, no que se indicaba que a actitude da Cope, “que parece ignorar o carácter oficial que na actualidade posúe a lingua galega, é reveladora do ánimo vingativo da emisora ao recibir unha sentenza contraria aos seus intereses empresariais e tamén dos seus fondos prexuízos contra o galego, unha lingua que dista moito de ser de uso normal na Administración de Xustiza, o que fai aínda máis valioso o compromiso e esforzo individual de xuíces como a denunciada pola emisora episcopal, xuíza á que lle queremos enviar unha mensaxe de solidariedade e ánimo na súa perseveranza en favor do idioma galego”.

Vulneración de dereitos

Ao remate da concentración de Pontevedra, unha parella da policía abordou a dous rapaces que acaban de participar no acto solicitándolles que se identificasen “por ser sospechosos de participar en una concentración”. Un dos rapaces foi levado a comisaría por negarse a identificarse e ao preguntar os motivos polos que se lle requería a documentación, un dos axentes respondeu "no entiendo lo que dices. No sé lo que hablas", mentras que outro comentou “Estás en España, amigo”, en referencia a defensa do galego promovida durante a concentración. O detido permaneceu 45 minutos ns dependencias policiais e foi ameazado con ser denunciado por negarse a unha primeira identificación. Segundo relatou viviu “unha situación denigrante e que amosa a verdadeira face de axentes que, no lugar de defender os direitos máis básicos, adícanse a reprimilos por sistema”.

0 comentarios:

Publicar un comentario