A asociación preguntou á entidade local se conta cos permisos necesarios para colocar novos dispositivos logo de ignorar a queixa presentada ante o Valedor do Pobo
Dereitos Civís anunciou que presentará unha demanda ante a Fiscalía contra o Concello do Grove, perante a súa insistencia en continuar co seu proxecto de instalar cámaras de vixilancias nas dependencias municipais, logo de que o Valedor do Pobo aceptase a queixa trasladada polo MpDC e de indicarlle cal é o procedemento a seguir para proceder de xeito legal á instalación destes dispositivos. A asociación que defende os dereitos civís na Galiza tamén presentou un escrito ao Concello do Grove no que demanda información sobre a legalidade das cámaras que a entidade local ten instaladas na Casa de Cultura. O Concello teima no seu afán de instalar dispositivos de control cidadán en distintos puntos da localidade, logo da queixa presentada por esta mesma organización por mor da utilización de cámaras nas carpas onde se desenvolveu a Festa do Marisco. Dereitos Civís tamén reclama ao Concello que no caso de que non conte coas preceptivas autorizacións proceda de inmediato a retirar os dispositivos de gravación da Casa da Cultura, por lesionar estas o dereito recollido no artigo 18 da Constitución Española: o honor, a intimidade e a propia imaxe das persoas.
De igual xeito, a asociación presentou sendos escritos ante o Valedor do Pobo e a Axencia Española de Protección de Datos, para que teñan coñecemento da nova acción do goberno meco e inicien as investigacións oportunas de cara á aclarar responsabilidades e restaurar a legalidade.
Así mesmo, o edil de Seguridade Cidadá indicou que teñen previsto ubicar novas cámaras noutros puntos do Concello. A este respecto, a asociación apuntou ao concelleiro que teña en conta que a lexislación é clara ao establecer o sistema de videovixiancia como última opción, é dicir, que para garantir a seguridade cidadá sempre que sexa posible se acuda a outros medios menos intrusivos para intimidade das persoas. O MpDC lembra ao Concello que a súa actuación débese cinguir en todo momento a lexislación vixente e respectar a normativa en materia de videovixiancia, que obriga a obter unha autorización previa da Delegación do Goberno e o informe favorábel dunha Comisión de Garantías. De non ser así, o goberno local volvería incorrer nunha ilegalidade, como sucedeu coa instalación de dispositivos durante a Festa do Marisco. A este respecto hai que recordar que o Valedor do Pobo admitiu a trámite unha queixa presentada pola asociación contra o municipio pola uso das cámaras e que, o pasado mes, o Defensor del Pueblo remitiu un escrito ao Concello de Ares instando a entidade a retirar as cámaras do edificio consistorial, xa que estas carecían de permisos.
0 comentarios:
Publicar un comentario