Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo acepta unha queixa contra o Concello de Ogrobe polo uso indebido de cámaras de videovixilancia

Written By Virgulino on 12/2/08 | 13:11

A entidade instalou catro dispositivos de control nas carpas da Festa do Marisco a pesar de que carecía da autorización da Delegación do Goberno

O Valedor do Pobo iniciou esta semana as actuación pertinentes ante o Concello de Ogrobe para esclarecer a utilización indebida por parte da entidade de cámaras de videovixilancia durante a Festa do Marisco. Durante o pasado mes de setembro, o Concello instalou catro dispositivos de vixilancia nas carpas nas que se desenvolvía a festa para controlar os posibles furtos, segundo o edil de Seguridade Cidadá, Alfredo Bea. Non obstante, a entidade carecía dos permisos necesarios estabelecidos pola Lei Orgánica 4/97 para a ubicación desta clase de dispositivos de control, que deben ser autorizados pola Delegación do Goberno logo dun informe favorábel dunha Comisión. Asimesmo, a lei indica que o público será informado “de maneira clara e permanente da existencia de vídeo cámaras fixas”, principio que o Concello non cumpriu. Estas medidas están destinadas a garantir a protección das liberdades e dos dereitos fundamentais dos cidadáns recollidos na Constitución Española. Aínda así, Alfredo Bea xustificou a instalación asegurando que a autorización non é preciso se se trata de cámaras de carácter puntual, terxiversando a lei, xa que esta é clara e de ningún precepto da mesma se deriva dita interpretación, pois de ser así, os dereitos afectados por este tipo de medidas quedarían totalmente desprotexidos.

A utilización de cámaras de videovilancia tampouco se axustou ao principio de proporcionalidade, pois está claro que para evitar pequenos roubos no recinto das carpas non era preciso acudir a estes medios que lesionan os dereitos das persoas que están a ser gravadas, e que, ademais, non tiñan coñecemento de tal feito. O uso de dispositivos de control estase a estender entre os Concellos galegos nos últimos tempos e coñecidos son os casos nos que as cámaras foron empregadas para fins ben distintos que os orixinais.

Ante unha vulneración tan aberta dos dereitos dos cidadáns que tomaron parte na festa do Marisco, o Movemento polos Dereitos Civís presentou un escrito ao Concello no que solicitaba unha aclaración dos motivos nos que se baseou para infrinxir a normativa vixente, xa que esta acción supón vulnerar os dereitos á honra, intimidade e propia imaxes das persoas que resultaron gravadas. A día de hoxe, o MpDC aínda agarda unha contestación por parte da entidade municipal, que agora deberá trasladar tamén ao Valedor do Pobo.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

Boas noites, quería facer unha pregunta
Normalmente vou estudar á biblioteca do Grove. Fai un tempo instalaron unhas cámaras de vixianza e uns carteliños advirtindo delas.
Como podemos saber se esas cámaras son legais? A verdade é que a min non me apetece nada que me graven, non creo que esa sexa a medida mási adecuada para a swguridade nesa zona. Ademais a pantalla non está na policia, está na mesma casa de cultura, vinno cando a estaban instalando
Gracias anticipadas

Publicar un comentario