Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Lugo mantén a súa intención de instalar cámaras de videovixiancia no polígono do Ceao

Written By Virgulino on 12/2/08 | 13:09

Dereitos Civís presentará alegacións ao expediente elaborado polo goberno local por considerar que non cumpren co principio de proporcionalidade e idoneidade


O Concello de Lugo acaba de informar que mantén o seu proxecto de instalar cámaras de videovixiancia no polígono do Ceao para controlar o tráfico, a pesar das queixas presentadas pola asociación para a defensa dos dereitos civís na Galiza. O goberno lucense remitiu un escrito ao MpDC no que indica que está a redactar o expediente de solicitude de autorización para a instalación das cámaras, co obxectivo de remitirllo á Comisión Galega de Videovixiancia, “de acordo cos procedementos establecidos na lexislación vixente nesta materia”. Diante desta resposta, Dereitos Civís presentará alegacións a dito expediente por considerar que non cumpren có principio de proporcionalidade e idoneidade preciso para permitir esta clase de dispositivos de control, que a cotío só serven para vulnerar os dereitos fundamentais dos individuos que resultan gravados e non para mellorar a seguridade cidadá, máis neste caso cando se fala de control do tráfico.

A decisión de utilizar cámaras no polígono contrasta coas declaracións feitas a finais do pasado ano nas que o alcalde da cidade, Antonio López Orozco, salientaba que “Lugo segue a ser unha das cidades máis seguras de España”, polo que resulta chocante o interese por colocar dispositivos nunha zona tranquila como é o parque industrial do Ceao. Máis aínda se se ten en conta que existen medios alternativos, de maior eficacia para controlar o tráfico e menos intrusivos para as persoas, como que sexa a propia Policía a que se encargue de regular a circulación.

Así mesmo, a lei 4/1997 de Videovixiancia estabelece que a utilizacións das cámaras deberá autorizarse tendo en conta que se dan as garantías precisas para que o exercicio dos dereitos e das liberdades sexa máximo e “non poida verse perturbado con un exceso de celo na defensa da seguridade pública”. Neste punto, vale lembrar que a Concellería de Cultura se negou a subvencionar a instalación de cámaras na Muralla debido ao mal uso que se fixo entón deste medios por parte das Forzas e Corpos de Seguridade, que se aproveitaron deles para invadir a intimidade privada dos cidadáns.

O Movemento polos Dereitos Civís xa presentou no seu día un escrito ao Concello no que solicitaba a reconsideración desta decisión e evitase a instalación das cámaras por vulnerar estas o dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe. Unha demanda que o goberno local vén de afirmar que non tivo en conta. Do mesmo xeito, o MpDC trasladou cadanseu documento ao Defensor del Pueblo e ao Valedor do Pobo para que iniciasen unha investigación sobre a idoneidade de colocar dispositivos de videovixiancia no polígono do Ceao.


0 comentarios:

Publicar un comentario