Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Ourense recoñece o uso ilegal de cámaras de tráfico para tarefas de videovixiancia

Written By Virgulino on 13/2/08 | 16:45

A entidade municipal carece da autorizació da Delegación para ter operativos dispositivos de control cidadán

O Concello de Ourense vén de recoñecer que está a empregar as cámaras de tráfico como dispositivos de videovixilancia, a pesares de carecer da autorización correspondente por parte da Delegación do Goberno. Nun escrito remitido pola Concellería de Tráfico e Seguridade ao Movemento polos Dereitos Civís, o responsábel político afirma que as videocámaras “cumpren un dobre obxectivo: o principal é a protección da seguridade cidadá e o secundario (que ven definido na disposición adicional 8ª) é a vixilancia do tráfico”. Non obstante, e segundo os datos trasladados dende o Goberno central, tan só dous concellos galegos contan con autorización para ter instalados dispositivos de control: A Coruña e Santiago, polo que o goberno ourensán estaría a utilizar dun xeito fraudulento e ilegal as cámaras, xa que carece dos permisos necesarios, entre eles o informe favorábel dunha Comisión de garantías.

Dereitos Civís remitiu un escrito o pasado mes de outubro ao goberno das Burgas tras saír publicadas nos medios unhas imaxes dunha detención captadas polas cámaras de tráfico da entrada da ponte do Ribeiriño. Tal e como figura na Lei Orgánica 4/1997, o uso para o que están autorizadas as cámaras de tráfico é “para o control, regulación, vixilancia e disciplina do tráfico nas vías públicas”. Polo que resulta moi discutible, tal e como pretende constatar o concelleiro de seguridade, que, conforme a lexislación actual se poida empregar unha cámara destinada a vixiar o tráfico para a detención dun individuo. Segundo o edil “non é discutíbel que conforme á lexislación actual sexa utilizada unha cámara destinada á protección da seguridade pública na detención dun delincuente, sen prexuízo da secundaria función de vixilancia do tráfico”. Esta afirmación contravén a finalidade para a que foron instalados os dispositivos sen importarse do que estabelece a normativa vixente.

Na mesma liña, o artigo 4 da Lei de 15/1999 de Protección de Datos indica que os datos de carácter persoal obxecto de tratamento non poderán usarse para finalidades incompatibles con aquelas para as que os datos foran recollidos. Non obstante, as imaxes do detido foron filtradas e reproducidas polos medios de comunicación, sen que se tivesen en conta os dereitos do afectado por parte das Forzas e Corpos de Seguridade. A este respecto, dende o Concello de Ourense escúdanse en que a imaxe reproducida na prensa carece de definición “e, asemade, púxose especial coidado e prudencia de que non fora así”. Deste xeito, os responsábeis políticos xustifican que a Policía encargada de custodiar as imaxes obviase a lei, que recolle expresamente a prohibición de ceder as imaxes e sons, e o seu deber de segredo.

0 comentarios:

Publicar un comentario