Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC presenta unha denuncia contra a Delegación do Goberno pola súa actuación na entrada do gaseiro de Reganosa

Written By Virgulino on 17/1/08 | 11:34

A entidade dirixida por Manuel Ameijeiras negouse a explicar os motivos manexados para considerar de “especial perigosidade” a chegada do buque á ría de Ferrol

A asociación que defende os dereitos civís na Galiza presentou unha denuncia no xulgado do contencioso contra a Delegación do Goberno por negarse a explicar os motivos que levaron a este organismo a considerar de “especial perigosidade” a entrada do gaseiro na planta que a empresa Reganosa posúe na ría de Ferrol. O Movemento polos Dereitos Civís preguntara á institución dirixida por Manuel Ameijeiras as razóns manexadas para despregar un dispositivo de especial de seguridade por terra, mar e aire impedindo o lexítimo dereito dos mariscadores ao seu traballo, que a maiores, non foron avisados desta decisión con antelación, así como os motivos polos que ordenou unha carga contra as persoas que se concentraban pacificamente para protestar pola descarga do buque.

Hai que lembrar que o pasado 9 de maio se desenvolveu un amplo operativo na ría ferrolana, impedindo saír a faenar aos traballadores do mar. Uns días despois, o 29 de maio, era de novo a Delegación de Goberno a que provocaba unha batalla campal en Ferrol, para permitir o paso dun novo gaseiro, do cal tampouco se preavisou aos mariscadores. Desta vez, ademais, a Policía Nacional cargaba de forma brutal e indiscriminada contra os cidadáns concentrados pacificamente no porto e mesmo o patrón maior da Confraría de pescadores foi arrestado. Ante estas actuación desmesuradas nas que se violaron os dereitos das persoas e se antepuxeron os intereses dunha empresa privada aos dos cidadáns, o MpDC reclamou á Delegación que aclarase as razóns que pode alegar unha institución pública para ordenar unha carga contra uns veciños que, de xeito pacífico, protestan ante unha inseguridade manifesta como é a descarga dun gaseiro nunha factoría que carece de plan de emerxencias e pola privación do seu lexítimo dereito a traballar.

Como resposta, a Delegación do Goberno remitiu ao Movemento polos Dereitos Civís un escrito onde declaraba “de carácter reservado” os informes sobre a actuación policial efectuada durante eses días. Ademais, esta institución non tivo problemas en afirmar que facilitar o informe no que consideraba que as manifestacións poderían provocar unha traxedia ou mesmo informar de por que se agrediu a un xornalista da Radio Galega é de “difusión prohibida”. Este silencio por parte desta institución do Estado da conta unha vez máis de como queren esconder unha neglixencia clara das Forzas de Seguridade e unha política baseada utilización indiscriminada da acción policial para disolver as mobilizacións da sociedade galega.

0 comentarios:

Publicar un comentario