Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Vigo muda de versión ante Protección de Datos en relación coa videovixiancia da cow parade

Written By Virgulino on 15/1/08 | 10:39

Agora, a Policía Local nega que empregara imaxes gravadas por un dispositivo instalado por una empresa privada para identificar a un cidadán

Segundo se recollía na prensa en xaneiro do pasado ano, a Policía Local denunciou a un mozo por causar danos nunha figura que”permanentemente está vixiada por cámaras”, dando a entender que a identificación desta persoa e a sáu directa relación co acto vandálico fora posible grazas ás imaxes recollida polo dispositivo ubicado no lugar dos feitos. Diante destas afirmacións aparecidas na prensa, o Movemento polos Dereitos Civís instou á Agencia Española a iniciar unha investigación sobre a legalidade dos dispositivos de seguridade, así como obrigar a empresa a que retirase as videocámaras por vulnerar os dereitos fundamentais dos cidadáns ao obter imaxes da vía pública dun xeito ilegal. Non obstante, o Concello de Vigo manifesta agora que non se ten constancia de que a empresa dispuxera de ningún tipo de sistema de vídeovixiancia na rúa do Príncipe, desmentindo o que os propios responsábeis da entidade aseguraban nos medios de comunicación. Do mesmo xeito, tamén se asegura que por parte da Policía Local de Vigo nunca se someteu a figura a vixilancia nin que a identificación do home se realizase utilizando imaxes procedentes de dispositivos de videovixiancia, feito que poría en dúbida a súa participación no acto vandálico.

As explicacións trasladadas pola Policía Local sobre a identificación do mozo quedan agora desmentidas, xa que se nun principio se explicou que as imaxes serviron para denunciar ao detido, a Axencia Española de Datos afirma no seu escrito ao MpDC que a identificación se produciu “in situ” por unha patrulla que naquel momento vixiaba a zona na que ocurriron os feitos, negando o que nun principio se sinalara por parte dos axentes municipais, e que constituía un feito irregular, posto que as cámaras carecían de autorización para ser empregadas como dispositivos de videovixilancia do espazo público.

Non é a primeira vez que o Concello de Vigo ten unha actuación dubidosa en relación co dereito á imaxe. En xaneiro do 2007 a policía local fotografiou aos veciños que se congregaban diante do Concello para asistir a un pleno. Fronte a investigación da Axencia Española de Protección de Dato a policía local afirmou que a cámara dixital non tiña “carrete”.

Aínda así, a Axencia Española de Protección de Datos recoñece a existencia dunha serie de dispositivos no edificio do Museo de Arte Contemporánea, próximo a ubicación da figura da Cow Parade, se ben aclara que “ditas cámaras son empregadas de forma exclusiva para a vixilancia do citado edificio, non recollendo imaxes da vaca”, se informar como comprobaron ese extremo.

Unha vez máis, a seguridade xurídica dos cidadáns queda en entredito, pois non existen garantías legais para a protección efectiva dos dereitos das persoas, no referente ao honor, a intimidade e a propria imaxe (dereitos fundamentais recollidos no artigo 18 da Constitución), posto que a instalación das cámaras de videovixiancia, tan de moda nos últimos tempos, non cumpre na grande maioría dos casos cos requisitos mínimos que garantan o respecto a eses dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario