Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC presenta un contencioso contra a Delegación por negarse a aclarar se existen gravacións ilegais de detidos

Written By Virgulino on 21/1/08 | 13:29

A institución nin aclara nin desminte esta práctica, pero ampárase na suposta protección dos datos dos detidos para obviar as súas responsabilidades

A cuestión relacionadas coa gravación ilegal dos detidos durante a súa estancia nas dependencias policiais será abordada nos tribunais. A asociación que defende os dereitos cidadáns na Galiza presentou unha denuncia no xulgado do contencioso contra a Delegación do Goberno por non informar sobre a toma de imaxes de xeito irregular dos detidos. O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse á Delegación o pasado mes de agosto co obxectivo de averiguar se as Forzas e Corpos de Seguridade que actúan no territorio galego gravan as detencións, petición que a institución dirixida por Manuel Ameijeiras se negou a aclarar. A Delegación argumentou que esta información ten un carácter secreto, polo que non se pode constatar unha actuación que, de producirse, constituiría un feito delictivo ao vulnerar a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos. Non obstante, o organismo asegurou sen problemas ao MpDC que a información obtida mediante as gravacións “no suposto de habelas, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida”.

A alarma pola existencia de imaxes obtidas de forma ilegal, xa que non contan con autorización, saltou hai uns meses tralas declaracións do membro dun sindicato de policías que aseguraba que é unha práctica habitual que se usen métodos propios, como os teléfonos e cámaras, para se defender no suposto de denuncias de malos tratos. A este respecto, a Delegación, en troques de investigar a existencia deste feito, ampárase na suposta protección dos datos dos arrestados para negarse a informar sobre esta práctica, que se viría a sumar aos métodos ilegais aos que habitualmente recurre.

0 comentarios:

Publicar un comentario