Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC pregunta ao Delegado do Goberno as razóns polas que ordenou a carga policial contra os manifestantes de Vigo

Written By Virgulino on 7/12/07 | 14:56

A actuación súmase á coñecida política de Manuel Ameijeiras do emprego da violencia como medida de disuasión

O Movemento polos Dereitos Civís preguntará ao Delegado do Goberno na Galiza, Manuel Ameijeiras, as razóns polas que autorizou a carga policial do pasado xoves contra uns manifestantes que se mobilizaron diante das dependencias da policía Nacional de Vigo nun acto para pedir a liberación dos seus compañeiros retidos por presuntas “inxurias ao rei”. A actuación resulta sorprendente cando a convocatoria non presentaba ningún tipo de risco nin para os participantes nin para os axentes que custodiaban o recinto policial, tal e como se xustificou o Delegado do Goberno.

A actuación resulta máis grave si se ten en conta que o día anterior á carga en Vigo, o 5 de decembro, na concentración convocada en Madrid contra os atentados terroristas, ducias de persoas pronunciaron insultos e atacaron tanto ao grupo de goberno como ao Presidente do Estado sen que por iso se ordenase utilizar a violencia policial contra os manifestantes para disuadilos dos seus actos. En ambos os dous casos a orde pública veuse alterada do mesmo xeito e cos mesmos riscos nas dúas convocatorias, coa diferencia de que o Delegado para Galiza ordenou unha carga contra os concentrados en Vigo que defendían a inocencia dos seus compañeiros.

A acción enmárcase unha vez máis, dentro da política de utilización da violencia policial para reducir as mobilizacións da sociedade galega que Ameijeiras vén practicando dende que tomou posesión do seu cargo, precisamente un posto dende o que debería fomentar o diálogo e a mediación antes que lexitimar cargas brutais contra os cidadáns que saen ás rúas para defender os seus dereitos. O propio Ministerio da Presidencia confirmou a Manuel Ameijeiras no seu cargo hai unhas semanas, logo de que o MpDC solicitase o seu cese como Delegado do Goberno polo uso constante da violencia policial contra calquera manifestación dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario