Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

CIG-Ensino e MpDC presentan unha Unidade Didáctica sobre os Dereitos Humanos

Written By Virgulino on 10/12/07 | 14:57

Este material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza

A CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís quixeron conmemorar o día dos Dereitos Humanos presentando unha Unidade Didáctica sobre os dereitos das persoas. Este material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza. No acto de presentación estiveron presentes o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o voceiro do MpDC, Renato Núñez, e o autor da Unidade Didáctica, Xoan Carlos Garrido.

O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que a escola “ten unha función primordial no que se refire á educación en valores”, en definitiva, en “formar cidadáns libres, activos e comprometidos que velen por unha sociedade máis igual e máis xusta”. Ademais, destacou que no día adicado aos Dereitos Humanos é preciso “ter en conta os dereitos e liberdades das persoas” nos centros escolares.

Para Louzao, os dereitos humanos deben ser un elemento transversal todos os días e en todas as materias impartidas no ensino, como unha materia interdisciplinar. Ademais, destacou, dende o ámbito do ensino, a importancia de dotar de recursos aos centros para por en valor estes dereitos humanos que reforcen a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición.

Por último, o representante da CIG-Ensino quixo facer un chamamento a todo o profesorado para que teña en conta esta data e se implique na defensa destes dereitos tan primordiais na actualidade.

Pola súa banda, o voceiro do Movemento polos Dereitos Civís, Renato Núñez, destacou a labor desta asociación dende o seu nacemento no que se refire á súa actividade de monotorización do comportamento das institución na defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns. A este respecto, subliñou, que en Galiza existen un gran número de dereitos recoñecidos pero que é moi difícil de poñer en práctica.

Segundo sinalou Núñez, existen catro dereitos recollidos na Constitución que ao longo dos últimos anos foron os máis vulnerados como é o que se refire ao Dereito das Persoas, sobre todo nas actuacións policiais desproporcionadas; o dereito á intimidade e á propia imaxe, coa proliferación de cámaras de videovixilancia; o dereito á liberdade de expresión, con expulsións de plenos municipais ou xuízos; e, por último, as garantías xudiciais, como se puido observar na recente condena aos veciños do Eixo.

A todos os centros de ensino secundario de Galiza

Por último, o autor desta Unidade Didáctica, Xoan Carlos Garrido, indicou que este material vai ser enviado a todos os centros de secundaria do país “coa idea de que se traballe con materiais que respecten os propios dereitos que teoricamente sostén”. A este respecto, Garrido fixo referencia a outros materiais enviados polo Ministerio de Educación onde se recolle a defensa da nosa identidade como galegos, a nosa lingua, as tradicións, pero redactados en español, unha contradición en si mesma.

Na súa opinión, este material fai un tratamento dos Dereitos Humanos como algo alleo a Galiza, desprestixiando a súa lingua propia, a súa identidade, en definitiva, a súa historia, pero tamén o seu presente.

Garrido quixo destacar tamén os dereitos de terceira xeración, referidos á igualdade na diversidade, como poden ser os dereitos da muller, o medio ambiente, a paz e a autodeterminación dos pobos ou dereitos de colectivos. Este tipo de dereitos “trata de rachar coa visión etnocentrista e androcéntrica existente para incorporar outras concrecións históricas e naturais nas que se determina o ser humano”.

0 comentarios:

Publicar un comentario