Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Lugo acolle dende hoxe unha exposición sobre a folga do metal elaborada polo MpDC

Written By Virgulino on 11/12/07 | 14:59

A mostra, que estará presenta no local da CIG en Lugo, iniciou a súa andaina en Vigo e a continuación estivo en Monforte de Lemos

A capital lucense será a vindeira sede da exposición sobre a folga do metal do 2006 de Vigo, realizada polo Movemento polos Dereitos Civís. Dende hoxe martes e até finais deste mes de decembro os interesados poderán acudir a ver a mostra, con entrada de balde, ao local da Confederación Intersindical Galega, en Lugo.

A exposición, que recorrerá varios puntos do país acadou unha gran expectación entre a cidadanía en Vigo, o mesmo que na vila lucense de Monforte de Lemos. Nela lémbrase a folga do metal que tivo lugar na provincia de Pontevedra fai un ano, e nomeadamente en torno dos sucesos que aconteceron na cidade de Vigo, onde unha carga policial atacou a ducias de traballadores e irrompeu brutalmente no medio dun conflito laboral.

A exposición pretende servir de pequena homenaxe a unha loita obreira pola conquista de dereitos laborais de longo alcance e combatividade, dunha banda, e tamén incitar á reflexión sobre a agresión física como método normal e habitual de disolución daquelas protestas incómodas para a autoridade do momento. A carga policial, a represión das protestas mediante a violencia non é unha solución, sen embargo a propia policía ás veces parece provocar reaccións nos manifestantes para xustificar unha carga, ou incluso, sen conseguir estas, procede directamente a agredir a manifestantes pacíficos.

O MpDC considera que as principais causas que explican esta situación son a falta de sensibilidade democrática dos responsábeis políticos, a falta de formación policial en dereitos cívicos e humanos e unha deficiencia das nosas prácticas policiais, arrastrada desde a etapa autocrática, co cal en moitos casos é gravemente violado o dereito de reunión e manifestación.

0 comentarios:

Publicar un comentario