Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O dereito á intimidade, a liberdade de expresión e o dereito de petición foron os máis vulnerados en Galiza ao longo do ano 2006

Written By Virgulino on 8/11/07 | 21:06

O MpDC presentou hoxe na Coruña un documento onde se recollen as vulneracións dos dereitos recollidos no Título I da Constitución Española

O Movemento polos Dereitos Civís presentou hoxe na Coruña o informe do ano 2006 onde se recollen as vulneracións dos dereitos fundamentais en Galiza durante este período. Segundo afirmou o seu voceiro, Renato Núñez, o dereito á intimidade, a liberdade de expresión e o dereito de petición foron os máis vulnerados, xunto coas actuacións desmesuradas das Forzas e Corpos de Seguridade e do Estado.

No acto de presentación tamén estiveron presentes, ademais do voceiro do MpDC, o delegado de Persoal da CIG no concello da Coruña, Roberto Tizón, e o avogado titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña, José Ángel Brandariz. O acto, que tivo lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, centrouse nos casos acontecidos na Coruña.

A este respecto, Roberto Tizón tachou o comportamento das administracións como partidistas e nada obxectivos. Como exemplo, Tizón sinalou que non se actuou igual nas manifestacións dos traballadores de Atento, na dos Bombeiros da Coruña ou na de persoal do concello, onde houbo cargas continuas, e a das mariscadoras, que a pesar de cortar diariamente a estrada, non contaban con vixilancia policial.

Ademais ao respecto das cámaras de videovixilancia, Tizón sinalou que o concello, incumprindo a normativa claramente, non tivo problemas en destinar varios destes dispositivos que controlaban o tráfico para vixiar a concentración dos traballadores do concello no Obelisco.

Pola súa banda, José Ángel Brandariz quixo centrarse nas cargas policiais desmesuradas que leva habendo na cidade da Coruña dende o ano 2005 e até mediados do 2007, coincidindo coa estadía no cargo de Subdelegada do Goberno á señora Taboadela. Segundo afirmou, neste período houbo na Coruña dez cargas policiais, as mesmas que se contabilizan en todo Portugal nunha década.

Brandariz destacou que as administracións públicas deberían establecer canles de diálogo dos asuntos públicos cos cidadáns e o informe do MpDC serve de monitorización para establecer que este intercambio de información non se cumpre.

Para rematar, o avogado da UDC quixo facer un chamamento ao señor Cardador, concelleiro na Coruña de Seguridade Cidadá, sinalando de que non vale de nada o emprego dunha lóxica represiva e recomendándolle optar por unha lóxica moito máis preventiva.

Dereitos máis vulnerados

Renato Núñez puxo fin ao acto de presentación do Informe facendo un repaso dos dereitos máis vulnerados. En primeiro lugar fixo referencia á liberdade de información con casos graves como pode ser a negativa dun xuíz á entrada dun xornalista na vista, ou a doutro informador nun pleno do concello coruñés de Toques así como todo o referente ás ordenanzas de publicidade estática.

En segundo lugar, o escurantismo aplicado nas administracións públicas que vulnera de xeito claro o dereito de petición, recollido na Constitución Española. En terceiro lugar, as actuacións desproporcionadas da Policía, que mencionara anteriormente Brandariz, e por último, o dereito á intimidade, coa proliferación de cámaras de videovixilancia como as da Praza do Humor ou as da casa de Francisco Vázquez, na Coruña.

0 comentarios:

Publicar un comentario