Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC presenta un contencioso contra o concello de Ribeira para que retire as cámaras que controlan o tráfico

Written By Virgulino on 8/11/07 | 8:49

Estes dispositivos están sendo empregados para controlar a rúa e a cidadanía, fins para os que debería contar cun permiso da Delegación do Goberno

O Movemento polos Dereitos Civís vén de acudir pola vía do contencioso á xustiza para que obrigue ao concello de Ribeira a retirar as cámaras que supostamente controlan o tráfico da vila coruñesa. Estes dispositivos, no canto de cumprir a función para a que foron colocados, están a controlar as beirarrúas, rúas e persoas que transitan pola zona, fins para os que tería que contar cun permiso específico da Delegación do Goberno.

Fai máis dun ano que o MpDC tivo constancia da existencia destas cámaras que segundo o concello nin gravan nin están orientadas ás beirarrúas, feitos dos que se puido apreciar a súa falsidade a comezos do ano 2007. No mes de xaneiro, un diario galego publicaba unha fotografía onde dous mozos pelexaban na beirarrúa.

No pé de foto desta imaxe podía verse como a fotografía fora cedida pola Policía Local de Ribeira e polo emprazamento tamén podía comprobarse que fora tomada por unha das cámaras que controlan o tráfico. Ante estes feitos o MpDC púxose en contacto tanto coa Policía Local como coa Delegación do Goberno para esclarecer este asunto.

Por un lado, a Policía nega que as cámaras graven pero ante a imaxe publicada nos medios só poden afirmar que sería alguén que sacaría a fotografía dende o mesmo punto. Estas xustificacións sen base argumental non fan máis que corroborar que a Policía ten coñecemento de que obraron mal e en lugar de recoñecelo negan o evidente.

Por outro lado, a Delegación do Goberno non ten ningún permiso concedido para a vila coruñesa de Ribeira porque as cámaras de tráfico non precisan este trámite, pero a realidade é que deberían contar con el, porque están a rexistrar a xente que pasa pola beirarrúa, asunto este que non ten moito que ver co control dos vehículos.

Como se pode observar estamos ante un feito neglixente bastante grave por parte dos axentes locais de Ribeira que ademais de estar empregando as cámaras para outros fins negan o evidente. Este foi o motivo polo que o MpDC decidiu recurrir á xustiza a través dun contencioso e conseguir así que estas cámaras sexan retiradas, impedindo así que se continúe a vulnerar o dereito á intimidade e imaxe dos centos de persoas que circulan diariamente polas rúas de Ribeira, sen decatarse de que están a ser controlados polos policías.

A xustiza será a que decida se se deben vulnerar desta forma os dereitos das persoas co escusa de controlar os vehículos da vila coruñesa. A colocación dos dispositivos de videovixilancia deber rexer sempre polo principio de idoneidade e proporcionalidade e polo de intervención mínima e, neste caso, non se dan estas condicións.

0 comentarios:

Publicar un comentario