Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O concello de Ares deberá informar ao Valedor do Pobo de por que non facilitou a documentación pertinente sobre as cámaras de videovixilancia ao MpDC

Written By Virgulino on 2/11/07 | 0:45

A entidade local coruñesa dispón de varios destes dispositivos instalados na casa consistorial


O concello coruñés de Ares deberá respostar á pregunta efectuada polo Valedor do Pobo de por que non facilitou a información pertinente sobre a instalación de cámaras de videovixilancia requirida polo Movemento polos Dereitos Civís. Esta solicitude foi enviada fai máis dun ano e até o de agora non obtivo contestación algunha.

Esta entidade local mostrara as súas intencións sobre a instalación de varios destes dispositivos para controlar a casa consistorial e evitar algunhas pintadas que se viñan facendo na mesma. Cando o MpDC tivo coñecemento destes feitos enviou un escrito ao concello solicitándolle os permisos pertinentes para a colocación das cámaras así como unha petición de que desbotaran esta idea.

O Concello de Ares non só non enviou esta información ao MpDC senón que colocou as cámaras antes de obter todos os permisos por parte da Comisión de Garantías de Videovixilancia, como así o demostra o escrito remitido ao MpDC por esta institución onde se afirmaba que estaban en trámites.

Ante a negativa a respostar do concello, Dereitos Civís dirixiuse ao Valedor do Pobo para solicitar unha sanción a esta entidade local. Agora o Valedor dirixiuse ao concello de Ares para que explique as razóns que o levaron a non enviar a información pertinente ao MpDC, razóns que seguro non terá.

Por outro lado, o pasado mes de maio, este concello sufriu un cambio de goberno, pasando a estar dirixido polo PSdeG, quen loitou para que non se colocaran estas cámaras por consideralas innecesarias e vulneradoras dos dereitos dos veciños e veciñas deste municipio.

Ante estes feitos o MpDC solicita ao novo rexidor municipal e ao seu grupo de goberno que quite as mencionadas cámaras e continúe así coa liña iniciada cando o PPdeG dirixía o concello. Non sería de recibo que antes se postulasen en contra dos dispositivos de videovixilancia e agora que poden retiralos non o fagan.

0 comentarios:

Publicar un comentario