Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno deberá presentar no Xulgado os documentos nos que se baseou para defender uha actuación da Policía Nacional en Monforte

Written By Virgulino on 2/11/07 | 0:44

A institución estatal limitárase a defender a operación policial sen aportar ningún informe que avalara esta teoría

O Xulgado da Coruña aceptou recentemente un contencioso administrativo do Movemento polos Dereitos Civís contra a Delegación do Goberno por defender a operación da Policía Nacional de Monforte contra dous membros de Galiza Nova. A institución estatal xustificaba tal actuación sen aportar ningún documento nin informe que avalara a mesma.

Agora, baixo petición do xulgado, terá que presentar estes documentos que acrediten que os axentes actuaron en todo momento baixo a lei. Os feitos ocorreron en setembro do 2006 cando dous membros do asociación xuvenil Galiza Nova repartían panfletos á entrada dun instituto na vila lucense de Monforte de Lemos. Dous axentes da Policía Nacional retiveron aos dous mozos e leváronos á comisaría para a súa identificación.

A Delegación do Goberno, inquerida polo MpDC, dirixiuse á Comisaría de Monforte para coñecer cal era a explicación desta operación policial desmesurada, pois os dous mozos non estaban a cometer ningún delito. A Policía Nacional de Monforte respostou que esa actuación se englobaba dentro dunha operación dacordo co plan de respostas ao tráfico minorista e consumo de drogas en centros educativos.

Ante esta resposta da Policía, a Delegación do Goberno comunicou ao MpDC que a actuación fora totalmente adecuada e que non ía abrir ningunha investigación. Por estes motivos Dereitos Civís dirixiuse pola vía do contencioso administrativo ao Xulgado da Coruña, que como se dixo anteriormente, aceptou este recurso.

O MpDC denuncia esta persecución por considerar que os axentes utilizan dunha forma deturpada este plan que xa fora denunciado no seu día por criminalizar a calquera persoa que se atopara nas proximidades dun centro estudantil. Segundo o artigo 1.1 da Lei de Seguridade Cidadá, os axentes deberían protexer o dereito de libre asociación, e actuar con finalidade de erradicar a violencia e previr delicto sen faltas, non atopándose a actividade cidadá de repartir folletos sobre unha asociación comprendida entre os denominados actos delictivos.

0 comentarios:

Publicar un comentario