Alerta dun resultado desesperanzador, con múltiples irregularidades amparadas polo sistema nos casos de corrupción, abultamento e manipulación de censos, emisión fraudulenta do voto emigrante, etc...
O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) vén de presentar un exhaustivo informe sobre á saúde dos dereitos democráticos e civís ante os comicios municipais deste 27 de maio en Galiza.
O informe percorre as ducias de irregularidades que tinxen o proceso, desde os casos confirmados ou sospeitosos de corrupción, os abultamentos e manipulacións dos censos, a facilidade de manipulación do voto emigrante, a utilización partidista do diñeiro público ou as violacións da lei eleitoral. Así, o documento cita casos preocupantes en máis de 30 concellos galegos e mesmo na emigración.
O MpDC conclúe que “os mecanismos democráticos son extremadamente deficitarios en moitos aspectos e urxe unha nova regulación” e advirte que non é certo que se trate de casos illados, xa que estamos ante un sistema que é claramente insuficiente para atallar as facilidades de corrupción do sistema electoral.
O MpDC alerta da insuficiencia de recursos para a loita contra este tipo de irregularidades así como de lexislación e sancións contundentes que fagan imposíbeis estas irregularidades, cunha Fiscalía que recoñece expresamente que non lle compete ser a garante da limpeza do proceso e cunhas xuntas electorais que actúan a posteriori das violacións das garantías legais. En particular, o MpDC afirma que “é moi difícil de explicar como a legalidade permite a conciliación das responsabilidades institucionais, expresamente na alcaldía e en urbanismo, e como permite que se presenten ás eleccións alcaldes condenados previamente, ou con acusacións pendentes; ou como pode alguén votar por ducias de persoas na emigración; ou como non se realiza unha investigación máis exhaustiva sobre uns censos que aumentan en concellos que están continuamente a perder poboación, ou alcaldes que censan na súa casa a ducias de persoas.”
O MpDC que cualificou o resultado de desesperanzador, alertou do uso frecuente da política como unha vía de enriquecemento, e lamenta que a cidadanía non poida dispor dunha visión de conxunto da situación e das irregularidades, e so se atopa con pequenos cascos.
Podes descargalo aquí.
O MpDC presenta un informe sobre a calidade democrática das eleccións municipais
Written By Virgulino on 23/5/07 | 10:57
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario