Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello da Coruña debe solicitar o sobreseimento da causa contra os cidadáns imputados por defender o topónimo

Written By Virgulino on 29/5/07 | 13:12


Exixe unha indemnización desproporcionada cando foi a entidade local coruñesa a que incumpriu a lei e a que desperdiciou cantidades millonarias do patrimonio público


Varios veciños da cidade da Coruña están imputados por teren reivindicado a utilización do topónimo natural da Coruña, que tamén é o único oficial e legal, algo que teñen afirmado reiteradamente distintas sentencias do Tribunal Supremo. O Concello da Coruña presentouse como acusación particular para solicitar, a través do informe pericial, unha indemnización absolutamente desproporcionada, contra uns cidadáns acudados da destrucción do macizo floral que rezaba “La Coruña” na entrada da cidade. Segundo puido saber o MpDC, o importe da indemnización exixida polo Concello superaría os 3.000 euros.

O MpDC exixe que o Concello solicite o sobreseimento da causa e comece por cumprir a lexislación da que se riu e que violou reiteradamente nos últimos anos. Foi o Concello da Coruña o que incumpriu a lei e o que ocasionou pérdidas millonarias ao patrimonio público. O Concello estivo nos últimos anos a incumprir toda a lexislación en relación cos dereitos lingüísticos, ademáis de desperdiciar nos últimos anos 300.000 € públicos nunha causa ilegal, a defensa do topónimo deturpado da cidade. Abonda con dicer que a indemnización que vai reclamar o Concello, aínda representando unha esaxeración inxustificábel, representa aproximadamente a metade do que pode gastar a entidade local tan só nun mes en defender esta causa.

Existe tamén unha causa pendente contra Francisco Vázquez, o anterior alcalde da cidade, por negarse a cumprir coas sentencias do Tribunal Supremo. Non é admisíbel que un Concello que se estivo a rir reiteradamente da xustiza, que non gañou nen unha soa sentenza e que seguiu a presentar eternos recursos cos cartos de toda a cidadanía coruñesa, pretenda agora, no entanto, exixir unha indemnización tan esaxerada contra uns cidadáns unicamente pola retirada dunhas cantas plantas na entrada da cidade. O MpDC agarda que a nova correlación de forzas políticas na cámara municipal contribúa para solucionar esta ilegalidade do Concello da Coruña e impida que se repitan estas situacións.

0 comentarios:

Publicar un comentario